Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

MO96, o pintor eternamente libre

viernes, 19 de enero de 2018
Testemuñas da memoria
MO96, o pintor eternamente libre

Son as cinco e cuarto da tarde do venres 11 de agosto. Agora mesmo acaba de marchar da mesa da terraza do café Brétema da Valenzá Pablo Vázquez, con quen acabo de tomar un café e de palicar durante algo máis de media hora. Por se alguén non coñece a Pablo Vázquez por Pablo Vázquez, ó mellor coñéceo por MO96. E se alguén non o coñece dunha maneira ou da outra, este molgués vai procurar descubrir un chisquiño o artistiña que leva dentro para que, na próxima exposición que faga das súas obras, vaiades a darme a razón ou a quitarma. Creo sinceramente que gozaredes coas súas creacións.

Eu xa o coñecín o 3 de marzo pasado, cando asistín á inauguración da súa exposición “40-20 = MO96” na Casa da Cultura Manuel María de Barbadás. Ó velo ese día tamén caín na conta de que xa o coñecía de vista; máis dunha vez o vira fumando á porta do lugar no que traballa, xusto tamén na mesma rúa desta Casa da Cultura. Claro que ó velo aí mal pensaba eu que me cruzaba cun auténtico creador, facendo bo o dito de que a vida dá moitas voltas. E tantas.

Como tamén as deu a súa propia vida. Porque aínda que é galego de pura cepa, de boa caste, naceu case na outra parte do país, en Logroño, o día 2 de xaneiro de 1977. Conta entón con 40 anos xustos. Ós tres meses xa se veu para Celanova. Logo estivo 17 anos en Portugal (polo que tamén se considera portugués) e aínda que agora vive na cidade de Ourense (por xunto á residencia sanitaria) el segue a ser celanovés ó cento por cento. Como chegou a confesarme, “mira, xa podo ir para a fin do mundo que toda a miña vida cultural, deportiva e social foi, é e será sempre en Celanova”. Así de categórico. Outra das probas do seu apego á vila é que cando realizou a última exposición (precisamente hai tan só uns días, na ponte da Asunción), revolveu o ceo coa terra para que os seus cadros e obxectos colgasen nestas datas tan turísticas, tan emigrantes e tan especiais na vila celanovesa. Non tendo ningún lugar deses que son típicos para as exposicións (porque seica estaban todos ocupados) el, bule que bule, furga que furga, deu cunha casa particular que, prometo, é espectacular. Acaba de amosarma en vídeo e deume envexa; co seu patio, co seu balcón de madeira, coas súas paredes de pedra-pedra... nin a mellor sala de exposicións lle fai sombra.

Pablo Vázquez ou MO96 empezou a ser artista xa desde pequeniño, desde que o seu pai (garda civil) esculpía as raíces brancas das uces. Por certo, empezoume a falar marabillas do seu proxenitor en plan artístico. E con tanta admiración que un dos seus soños (ó que xa lle está dando forma) é unha exposición en conxunto coas súas obras. Coma todos os nenos, quixo imitar ó pai, pero vendo que non lle chegaba nin á altura do calcañar, empezou a desviarse, a virar cara á pintura, cara á unha pintura de aparencia escultórica pero pintura.

MO96 ou Pablo Vázquez ten os mesmos tics ou hábitos ou xestos ca un servidor para empezar coa súa afección: os panos de papel das cafetarías. Eu escribo moitos relatiños neles e el é onde fai os seus primeiros bosquexos. E dunha forma bastante orixinal. Amosoume un exemplo: colleu os restos do café que eu acababa de tomar, mollou a culler e pringou o pano de papel sobre o que acababa de facer uns garabatos co bolígrafo. Aí estaba a súa forma de pintar. Xa digo, un exemplo. Porque a realidade é que o meu café, ó ser o chamado manchado (pouquiño café), non lle valía, non lle marcaba tan intensamente coma o café negro. E confesou que para esta técnica, o mellor era o café portugués.

Pablo Vázquez ou MO96 non me soubo dicir moi ben a cantidade das súas exposicións. Normal. Desde a primeira que fixo en 1996 no instituto de Celanova (onde, se non!) ata esta que clausurou o día 15 nunha preciosa casa particular de Celanova (onde, se non!), percorreu practicamente toda a provincia de Ourense e boa parte do norte de Portugal, así como tamén no mosteiro de Monforte de Lemos. Na exposición de Chaves sempre conta a anécdota do gran susto que se levou cando chegou alá para recoller os 40 cadros que expuxera e se atopou con tan só catro. Coa cariña branca coma a neve a causa do susto, farfallou, tatexou algo de se llas roubaran ata que viu rir ó encargado da mostra e este lle ensinou un sobre cheo de diñeiro. Nunca vendera ningunha obra!

As súas pinturas mostran, revelan unha certa obsesión polas caras e os ollos. Vense nelas versos retorcidos que, en conxunto, forman un poema cheo de vida. En cada verso vai unha idea e en cada mostra que fai colle todo un mundo. En cada poema hai centos de sentimentos e en cada exposición hai toda unha obra, quizais abstracta, pero sempre simbólica e, iso si, desenfadada e eternamente libre. Sinceramente, estade atentos á súa propia exposición ou mostra. Paga a pena e xa veredes como descubrides, como detectades a un auténtico artista.
Rivas Delgado, Antonio
Rivas Delgado, Antonio


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES