Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

'O carro'

viernes, 19 de enero de 2018
Ao entrar nos territorios da música, permitídeme que lembre especialmente a Mato que hoxe non puido vir, por temor da noite e de conducir sen a luz debida para os seus ollos. A música é ese territorio máxico, case divino, onde se poden dicir cousas que as palabras calan ou que as palabras non dan dito debidamente. Entramos no terreo das sensacións que chegan a emocionar, entramos en emocións que xogan –cando se fan canción- sobre as eufonías das palabras para levarnos por atmosferas do inaudito, pola tenrura, pola paz e o sosego, polas lembranzas, pola tristura, pola ledicia aberta en sorrisos de esperanza, ... A música é así, e este poema ao que eu lle puxen música, por primeira vez e para sempre, xa hai tanto tempo, parte duns versos que hoxe dan un longo eco tenaz, un eco que resoa nas memorias xa, de alá tan dentro, nas íntimas soidades da señardade. Estas trobas confabuladas con verbas do Manuel María que avanzan porvir, se xuntos, polas regañas da historia, cantamos facendo voar no aire as notas da ilusión chea de alentos, convencidos de chegar.

Notas e verbas de canción, feitizo de notas e verbas pousadas en brisas estremecidas que do mesmo pobo viñeron e xa que do pobo viñeron, ao pobo deben volver. Presentidas un día, hai xa moitos anos, fixeron coro de voces de común xuntoiro e soan na sinxela harmonía. E pasados os tempos, sentidas entre os anceios que traerán sempre á memoria unha Terra Cha inmensa que desde o pasado nos habita, unha terra vencellada ao renxer da vida cando sementa novos días no solpor, namorada ao mirar ao lonxe e que pasma, os nosos ollos, cando no horizonte se xunta ao ceo.

Fala a letra de tirar dun Carro, todos xuntos, do mesmo carro, Galiza, na loita que conxura a Dignidade común do Noso Pobo. Quedan penduradas no aire notas dun canto feliz que NON son tan só palabras ao vento, senón canles trazadoras da vontade colectiva e a expresión dun sentimento que nos conforta por dentro, incluídos no mesmo pobo. E cando o Pobo fai súas as invencións das persoas que, en feitizo encantador, conflúen e concilian latexos colectivos, prodúcese –entón- a máis sublime satisfacción para os seus creadores. Eu podo dar fe da satisfacción expresada en vida de Manuel María con esta canción, máxica confabulación que describe vontades da Matria, “a señardade que se pode chegar a espantar” como as soidades máis soidosas, que nos deixa mesmo sen nós mesmos. Esa mesma satisfacción que se suma, hoxe, unha vez máis á miña. Moitas Grazas. Saúde e canten todos os paxaros!

(Palabras de Baldomero Iglesias Dobarrio-Mero, en Vilalba, no decurso do acto de entrega da Medalla de ouro do Concello a Xulio Xiz, previa á actuación conxunta da Banda de Música de Vilalba, Polifónica Vilalbesa e Orfeón Lucense, interpretando O CARRO, con letra de Manuel María e música de Mero).
Iglesias, Baldomero
Iglesias, Baldomero


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES