Anxo Boán, poeta do amor
Rodríguez Porto, Ramón - miércoles, 17 de enero de 2018
Di Xosé Lois García que Anxo Boán representa esa poesía de acentos íntimos que a todos nos impresiona cando nos fai sentir as súas emocións. Estou totalmente dacordo co escrito e poeta de Merlán en engadiría que a poesía de Anxo Boán admite moitas lecturas, tantas como lectores e nesa pluralidade xace a súa riqueza.
Anxo Boán Rodríguez, nado no ano 1961 no lugar de Sandiás na parroquia chantadesa de Vilauxe ten xa unha dilatada obra literaria en diferentes xéneros como a dramaturxia, a narrativa e, sobre todo, a poesía, conquerindo diferentes premios.
Despois de primeirizo libro, As Árbores das Idades, presentou no 2016 Poemas para unha alma ferida, que acadou un notable éxito. Agora danos a coñecer o traballo último, Corenta Sonetos de Amor e Conforto, un fermoso libro con portada do ilustre e versátil artista de Carballedo, Randolfe Vilariño, ilustracións de Miranda Fonseca e epílogo do poeta, ensaísta e narrador Xulio López Valcárcel.
Di Xulio López: a mesura, o equilibrio e a harmonía gobernan esta nova achega de Anxo Boán, e engade, cada poema deste libro é unha unidade en si mesmo: abre e pecha o seu significado e mantén unha unidade de estilo, intención con sentido.
Disfrutemos cos versos de Anxo Boán, xurdidos do silencio da noite, a deusa da beleza, o amor baixo a lúa, o poder mitolóxico, o espírito errante, a natureza do medio verdoso forman parte do patrimonio do poeta, configuran o seu universo.
Quero rematar sinalando que creo na poesía de Anxo Boán, que nos agasalla cuns versos que seguramente van sobrevivir o paso do tempo, entre outras razóns por estar cheos de lúcida e vital emoción.

Rodríguez Porto, Ramón
Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los
autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora