Miscelánea Focense: As festas, cos tempos
Fernández, Suso - lunes, 06 de agosto de 2007
É evidente que as formas de vida dun pobo, e as circunstancias que nelas concurren, así como as tradicións locais, é decir a súa historia, teñen, ou deberían ter, o seu refrexo na programación festeira, pois coidamos que toda manifestación pública, emanada das institucións, debe dotarse dun compoñente cultural e un contido didáctico aproveitando neste caso a amenidade, e mesmo o divertimento, para espallar a mensaxe e o coñecemento por parte das xentes daqueles aspectos que ó longo dos tempos conformaron a existencia dunha sociedade precedente, cuxas vivencias nos levaron a ser, para ben ou para non tan ben, o que hoxe somos.
Hai algúns anos, en viaxe que fixemos a Alemania, chegamos a Goslar, unha fermosísima cidade que forma parte do Patrimonio da Humanidad, con numerosos edificios históricos e unha ducia de museos. Impresiona o exquisito coidado e respecto a tanto monumento.
A zona foi moi rica en minas de prata e plomo, actividade desaparecida hai tempo. Pois ben, na actualidade un dos grandes atractivos turísticos, que cada día concentra na súa praza principal a milleiros de persoas, é o reloxio do municipio que cando da determinadas horas, ó abrirse unhas portelas do mesmo, aparece unha escena de mineiros, coas palas e picos, os carretillos, os cascos na cabeza, os candís nas mans, en definitiva con tódolos atributos tradicionais dos traballadores das minas, nun desfile que engaiola á multitude que o contempla. Ó remate resoan en todo o espacio os aplausos entusiastas.
As minas que xa non teñen, seguen a ser productivas para Goslar
Nos tempos da nosa infancia e adolescencia Foz era un pobo eminentemente mariñeiro; acaso o mais da Mariña. Toda a súa vida social e económica pivotaba sobre a actividade derivada do mar: os asteleiros, a pesca, o cabotaxe e as conserveiras. Por eso as festas tiñan un marcado carácter mariñeiro e as regatas de traiñeiras era o número estelar, no que se enfrentaban embarcacións de portos do noso litoral e do occidente de Asturias, á conquista do Gran Trofeo DALO. Amais delas, as competicións a nado, as cucañas, regatas de tinas, a caza do pato
convertían a dársena en animado escenario de tanto espectáculo.
Polo demais a música (dianas e alboradas, concertos, verbenas
), os foguetes de gran esplendor que lanzarán sus luminarias mientras el espacio es rasgado por magnífica lucería de voladores y ráfagas de mortero, iluminándose vivamente por los destellos de bengalas en paracaídas
. Milleiros de luces multicolores -o mestre Lugilde era o artífice de tanto colorido- engalanaban a Rambla
As bandas de música Rebollar e Garrote, de Ortigueira, eran asíduas ó San Lourenzo dos nosos primeiros anos, así como a de Mondoñedo.
Tras dos xigantes e cabezudos marchabamos tódolos pícaros do pobo, indefectiblemente acompañados polo cuarteto viveirense Brisas do Landro, daquel personaxe singular que foi Pepe Randa.
Estamos a falar dos anos miserentos da posguerra, do pan do racionamento, das roupas cheas de mendos nun esforzo inútil por tapar os buracos para evitar o frío ou das zocas fendidas atadas con alambres.
A sociedade de hoxe -a Deus gracias- nada ten que ver con aquela na que sobrevivir era unha fazaña; a evolución económica e cultural, os medios materiais e técnicos ó noso alcance, a tecnoloxía e a informática; os aparellos audiovisuais e demais eximennos hoxe de todo esforzo imaxinativo e prodúcese un troque de valores: antes as festas eran sobre todo unha ilusión.
Foz deixou de ser mariñeiro e nun xesto non exento de infidelidade ás súas orixes, as festas esquéncense do mar.
E se non somos mar ¿qué somos?...

Fernández, Suso