
Prézome de ser amigo de Xulio Xiz. Nótase nos ollos, cando brillan, na ledicia dos encontros. Son cousas que non teñen disimulo, nin se poden preparar porque xorden espontáneas entre amigos de ben levar.
Así sucede hoxe e confabúlanse varias ledidias satisteitas. En primeiro lugar, por ser en Vilalba, orixe común e matria de ambos. Tamén pola satisfación de conciliación cos amigos, cos recantos de luz primeira, cos eidos compartidos con tantos amigos: Carballo, Chao Rego, Bernardo García Cendán..., xa unha longa ringleira dos que hoxe nos chaman desde a nostalxia dos que nos ven e participan no contento. Outros que non puideron vir coma Mato, Valdi... os da tribu todos.
Sei, ao mesmo tempo, destas moi sensibles datas nas que todos regresamos a nós mesmos, á nosa infancia, á nosa patria natural e matria verdadeira. Esa da orixe e da afirmación.
Por iso é de estimar que o Concello de Vilalba recoñeza a un fillo que viviu para esta matria que nos chama, aínda desde a lembranza e a nostalxia. Sempre, desde a luz que impregnou sempre, desde a luz que impregnou de cores aquela visión primeira e que habita nas nosas imborrables imaxes, no disco duro da íntima existencia. Recoñece a un fillo e fai cadrar dúas nobrezas: a nobreza do metal que designa esta medalla, e a nobreza da persoa que a recibe.
Parabéns aos dous... e por extensión a Mercedes. Con xeitos como este que hoxe nos comprace, sei seguro que sementamos esperanza no porvir. Pois, saberedes, que hai unha xustiza -tamén- poética que, ao cabo, vén axustar desde a lealdade aqueles aspectos pendentes e de inapelable cuprimento que, aínda feitos desde a ponderación, resultan evidentes. Son leccións da vida que convén aprender e que deixan o pouso debido de recoñecemento, arredan do patolóxico silencio ou dos consellos absurdos do fracaso.
Eu debo confesar, hoxe, que me gratifico sinceramente aló, no mais adentro. Parabéns, saúde e cante o merlo!.
(Palabras de Baldomero Iglesias Dobarrio-Mero, no acto de entrega da Medalla de Ouro do Concello de Vilalba a Xulio Xiz, o 29 de decembro de 2017).