Historias para non repetir a historia
Santalla, Iago - miércoles, 17 de enero de 2018
Veño de ver a película Una bolsa de canicas, ambientada nos tempos do nazismo. De novo, preguntámonos como foi posible tanta barbarie pero a esta pregunta nos tempos que corren hai que engadir outra: como aquela barbarie pode ter un reflexo ideolóxico nos mundos de hoxe? Si, na Europa que ergue a bandeira democrática como exemplo de civilización.
Baixo esta bandeira discútese se a memoria ten sentido ou non, se é necesario reparar, se unha persoa ten dereito a ser honrada nunha campa propia ou se ten sentido revocar certas sentencias a todas luces insidiosas e inxustas.
Paralelamente, dísenos que a historia está aí como exemplo para non repetir.
A conclusión é que a humanidade tende a equivocarse moitas veces en distintos contextos e ,incluso, repetir a equivocación no mesmo contexto. Para evitar estes erros debemos converter a historia en cultura, ficcionala sobre a súa base documental e rescatar dela todas as intrahistorias, que nos fan sentila en toda a súa intensidade coa forza das perspectivas vividas.
Por outra parte, o ser humano distínguese do mundo animal en que ten un pasado, un presente e un futuro proxectado en colectivo o que o dota da capacidade de corrixir erros e avanzar legando ditos erros para que no se repitan.
A Segunda Guerra Mundial e o Nazismo están abondamente documentados e ficcionados; aínda así, existen rescoldos ideolóxicos que se negan a ser borralla.
Existe o Negacionismo e, por desgracia, dálle novos azos ao fascismo. Polo tanto, debemos aprender a tratar a historia con toda a súa dureza transmitila sempre como unha memoria viva da que temos que aprender, extraendo dela valores e contravalores para xenerar unha conciencia cívica que apague todos os rescoldos do fascismo para construír unha sociedade chea de valores, capaz de reproducir o que foi de mil maneiras en cultura, cun único obxectivo: non volver selo nunca máis.

Santalla, Iago
Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los
autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora