Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

A esperanza da carqueixa

viernes, 12 de enero de 2018
A carqueixa é planta humilde e ventureira. Austera e resistente, pode vivir nas condicións máis duras. Planta pirófita capaz de rebrotar despois dun incendio, é moi útil e aprezada no rural. Serve para o lume, afumar a carne, alimento de animais e esterco. Ademais é planta mediciñal que purifica o sangue, bo remedio para catarros e bronquite. Dicía o pai Sarmiento que 'a carqueixa está dotada da benigna omnipotencia de Deus'.

Carqueixas hai abondas nos montes de Cervantes onde xurdíu, en San Román, a cooperativa agrogandeira A Carqueixa. O xerente, Román Sánchez Besteiro, é rapaz novo, membro da xeración empeñada en demostrar que é a máis preparada da historia.

Como a carqueixa, os membros da cooperativa son xente dura e resistente, enraizados na terra, tentando xuntos conseguir mellores condicións na compra de subministros e na comercialización do gando e castañas. Esta xente nosa é o mellor referente do heroísmo que anhelaba Castelao: transformar desexos en realidades, ideas en feitos.

Os feitos son a aposta polo rural. Vivir nun territorio que, recorda Manolo Rivas, se desadorna de xente. Como non se pode loitar en solitario preguntaron á xente para saber demandas, ideas, liña a seguir. Queren unha marca de calidade en Cervantes. Que poña en valor o que tanto valor ten. E non esquecen o patrimonio etnolóxico, as paisaxes como riqueza social, a cultura da terra que non se pode perder.

Cousiñas valiosas agacha a carqueixa. E cousas de valor veñen da man da cooperativa A Carqueixa, como a rebaixa no prezo do penso, novas altas de socios, mellor comercialización da castaña: de 14 toneladas en 2014 a 220 en 2016.

A cooperativa ten proxectos para mellorar a vida da xente. Recuperar miles de hectáreas de monte, conseguir produtos de calidade, potenciar o turismo, termar da vida da zona e manter acendido o lume dos soños dos que apostan polo rural conscientes de que o futuro está nas súas mans. Tentan estar á altura do potencial produtivo, paisaxístico e patrimonial de Cervantes.

As virtudes curativas da carqueixa poden ser as da Cooperativa contra as 'enfermidades' do envellecemento, falta de nenos e perda da poboación, desaparición de servizos, peche de colexios. Se non se aplica a medicina dun cooperativismo sensato o abandono da terra dará paso ao monocultivo do eucalipto.

A Carqueixa tenta incorporar sangue novo, apostar pola carne de calidade, o leite e as castañas, recuperar soutos e pradarías, maceiras, amorodos, produtos de horta. Semellan os traballos de Hércules: unha batalla máis cultural que económica.

Cómpre apoiar esta realidade de presente e aposta de futuro que reivindica un modo de vivir, unha maneira de ocupar e vertebrar o territorio. A Carqueixa, en Cervantes, é un nome para a esperanza.
Pinto Antón, J.A.
Pinto Antón, J.A.


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
Deputación de Ourense
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PROMOCIÓN
PUBLICACIONES
Publicaciones
Publicaciones Amencer
Revista Egap
Obradoiro de Artesania