Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Xeoliteratura mítica

jueves, 11 de enero de 2018
Xeoliteratura mtica A xeografía galega está chea de cumes míticos, alturas nas que condensa toda a materia lendaria dun pobo que habita algúns dos cordais máis antigos do planeta. De norte a sur, de leste a oeste, nomes como o Xistral, o Pindo, Irimia, os Tres Bispos, o Monte da Cova da Serpe, o Xiabre, o Monte Aloia, a Curota, o Pedroso, Santa Trega ou Monte Siradella, entre moitos outros, tráennos á mente a memoria toda das xeracións, episodios históricos transcendentais e o esteso imaxinario popular concentrado neles, naturais imáns da nosa máis feraz cultura espiritual.

Pois ben, entre todos eles adquire especial relevo, polo que de emblemático ten, o Pico Sacro. Non é, nin moito menos, dos máis outos, mais os seus 533 metros fan deste cumio situado no Concello de Boqueixón unha sorte de balcón aéreo que se abisma sobre as terras de Compostela, Helicón privilexiado no que ecoan resonancias celtas e pagás que nos devolven a un mundo de lumes sagros, ofrendas rituais e seres máxicos.

Moita é a literatura que ten feito correr o Pico Sacro, vixía de pedra da capital de Galicia. Tanta que non se pode entender a nosa escrita do último século e medio sen acudir á presenza deste simbólico cimo.

Conscientes da importancia xeoliteraria do enclave, o profesor Xosé Manuel Lobato e mais o poeta e investigador Miro Villar reuniron en Pico Sacro. Ferido polo lóstrego e a lenda ducias de textos nos que este monte se erixe como protagonista, xunguindo historia e ficción para retratar, en múltiples voces, a singular paisaxe, a realidade alegórica e o emblema identitario dos que participa este cume, do que no seu día Camilo Díaz Baliño fixera un debuxo que tamén se reproduce no volume.

Poemas, relatos, ensaios, crónicas xornalísticas e contos infantís que xiran arredor do Pico Sacro e que inclúen tanto textos éditos coma escritos para esta edición, nun número final que se aproxima ao centenar, cubrindo un lapso de tempo que arrinca co Rexurdimento e chega ata este século XXI.

Marcial Valladares, Antonio López Ferreiro, Valentín Lamas Carvajal, Xeoliteratura míticaManuel Murguía, Vicente Risco, Ramón Otero Pedrayo, Alfonso Daniel R. Castelao, Florentino Cuevillas, Xosé Neira Vilas ou Manuel María partillan tema con outros creadores de xeracións posteriores e da actualidade, rendendo honores todos a este picouto lendario que simboliza non pouco das nosas esencias.

O resultando é unha colectánea de máis de tres centos de páxinas, con textos galegos ou traducidos ao galego ―tamén algún en portugués― dos que os editores anotan pulcramente as fontes bibliográficas, ao tempo que identifican o lugar e tempo de nacenza e pasamento de cada autor. Fóra quedan, como advirten Lobato e Millar en pertinente limiar, alusións puntuais do Padre Sarmiento e lendas e cántigas da literatura galega de tradición oral nos que o Pico Sacro tamén está presente, mais que non encaixaban nesta escolma de creadores que asinaron textos nos que esta cumieira foi o centro do seu discurso.

Cumprido recoñecemento merece este Pico Sacro. Ferido polo lóstrego e a lenda, no que moito axudou o auspicio da Asociación Cultural Mestre Manuel Gacio de Lestedo e tamén a complicidade de Alvarellos Editora, selo responsable da súa publicación. Mais sobre todo é de xustiza o aplauso para aqueles que prestaron os seus textos para que aquí se editasen por vez primeira, para os que axudaron a localizar escritos xa éditos de difícil acceso e, xaora, para Xosé Manuel Lobato e Miro Villar, mercé aos cales podemos hoxe celebrar que o Pico Sacro siga a acubillarnos coa súa benéfica “sombra de alcipreste”, como lle chamara luminosamente o grande Otero Pedrayo.
Requeixo, Armando
Requeixo, Armando


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES