In nómine feminae
Editorial - martes, 07 de agosto de 2007
No nome da muller.
Non estamos afeitos a utilizar a mención tal como figura no título, pero válenos o latín para dicir que o nome da muller aínda non figura como ten que figurar en determinados lugares.
As mulleres forman, como mínimo, o cincuenta por cento da poboación do mundo. Son, pois, mulleres o cincuenta por cento dos seres humanos que habitaron, habitan e habitarán Galicia. E as mulleres gobernaron en solitario moitas casas deste país cando os homes foron á emigración (viuvas de vivos) ou morreron deixando orfas e orfos / e campos de soedás (Viuvas de mortos). Galicia foi de sempre matriarcal. Pero só para andar pola casa.
Se vemos un noticiario da TV, as protagonistas son minoría. A maioría son homes. Se folleamos as páxinas dun xornal, ocorre o mesmo. E eso que a muller se está incorporando a toda presa á actualidade do noso país. Pero aínda queda moito por andar.
Nun estudio que veñen de facer en Vigo, de 1.389 rúas, só 38 teñen nome de muller, contando personaxes históricos e relixiosos.
Certo que os progresos neste campo son lentos aínda que agardamos sexan definitivos. Pero o das rúas, en Vigo e noutra cidade calquera de Galicia, debe darnos que pensar.
Pode parecer e ser unha anécdota, pero non a esquezamos, porque é un sector que as mulleres poden e deben tamén conquistar.

Editorial
Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los
autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora