Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Cantar os Reis

lunes, 08 de enero de 2018
Non tiña pensado ir, pero fun. Á cabalgata dos Reis Magos de Ourense. Non sei que lle comentei á muller e esta, claro, apuntouse ó momento. Sempre lle gustaron estas algaradas. Non tiña pensado ir, pero fun. Fomos. E xa que fun ilusioneime coma un neno. Porque vía a ilusión dos propios nenos; o mellor regalo que pode existir hoxe (certo que sempre fun un caso especial para os nenos). E vendo a ilusión dos propios nenos, un tamén se ilusiona e, voilà!, tamén me sinto neno.

Como tal baixei o lombo con ilusión para recoller os caramelos que botaban os Reis e os seus paxes. (Paréntese para dicir que a esta cabalgata tan só se vai polos caramelos; os nenos porque lles fai ilusión collelos e os adultos porque todos os anos se gastan bromas á conta dos caramelos: que se a xente os colle en bolsas -é certo-, que se a xente pon os paraugas ó revés, que nos agachamos coma avarentos, coma migalleiros, etc.) E como neno percorrín o camiño de volta á casa contándolle á muller aquelas noites dos 5 de xaneiro nas que saiamos a cantar os Reis por todo Baños de Molgas: Que se as primeiras dúas ou tres pesetas ían para mercar o Celtas. Que o resto, de parviño, dáballas á nai e xa non lles volvía ver nin a cara nin a cruz. Que a vergonza que pasabamos para iniciar as panxoliñas. Que algúns ricachóns da vila eran os que nunca daban (claro que, ante isto, axiña lles cantabamos aquilo de “perica marrana, canteiche os Reis e non me deches nada”, e despois escapabamos coma fuxitivos). Que os que non daban cartos (aquilo tiña que doer; o que lles custaba ganalos naqueles tempos e ter que darllos a uns cativos) ofrecían algunha galletiña, se a había, ou algún bocadiño de algo.

A miña muller di que nunca saíu a cantar os Reis. Eu, de rapaz, sempre. E pasabámolo ben. Aínda que despois non vise unha cadela. Agora creo que xa nin nas aldeas máis pequenas se leva o de cantar os Reis. Xa se leva máis o do Papá Noel. Unha pena. Se ata era bonito o de “perica marrana, canteiche os Reis e non me deches nada”. Espero que este ano se portasen ben con vós.
Rivas Delgado, Antonio
Rivas Delgado, Antonio


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PROMOCIÓN
PUBLICACIONES
Publicaciones
Publicaciones Amencer
Revista Egap
Obradoiro de Artesania