Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

'The Tetas´ Van' ou a revolución en feminino

viernes, 05 de enero de 2018
Desde o momento en que vin que se anunciaba nas redes sociais e no programa do concello de Barbadás "E no verán?... refréscate coa cultura" a actuación de The Tetas´ Van no parque da Solaina, de que era ás nove da noite e de que, aínda sendo xoves e me tocase traballar pola tarde na viña, souben ó momento que podía velas e que tiña intención de velas. Porque o que chegaba ós meus oídos sobre a súa música era cousa bonita. Despois, por sorte e por culpa do tempo climatolóxico, non fun á viña, pero, por desgraza, e tamén por culpa desa climatoloxía, a actuación houbo que pasala do parque da Solaina á Casa da Cultura Manuel María.

De corazón, gocei escoitando a súa música, pero a The Tetas´ Van hai que escoitalas, gozalas e vivilas ó aire libre. A súa música é para bailar, incluso para poñerse un pouco tolos a causa do ritmo frenético dos seus temas. Normal, case todos eles pertencen ó xénero do rock. E xa sabemos como se vive o rock. Non obstante, tamén adoitan meter polo medio algo de swing e blues, por exemplo.

En cada introdución ou limiar que se fai deste grupo, sexa nos medios de comunicación ou nas presentacións publicitarias, adoitan axuntar, engadir a coletiña de "chegou a revolución en feminino! (asegúrovos que si!). The Tetas´ Van somos un grupo de mozas na súa maioría -aínda que tamén contamos con algún raparigo nos nosos cabarets- que pretende reivindicar o papel da muller e da lingua galega no escenario. Aínda que somos especialistas en versións, o noso obxectivo é de divertir transmitindo, reivindicando e loitando contra as inxustizas (sabemos que hai moitas) que nos tocan a todos e todas a través da nosa lingua galega".

O grupo formouse en 2011 para participar nun concurso musicando un poema de Carvalho Calero (Ricardo Carballo Calero) e así crearon o tema "Luisa Sorriso". A formación inicial estaba composta por Paula Conde tocando o baixo, María Mendoza pasando os dedos polo teclado, Lorena (Lore) Negreira dálle que dálle á batería e Lucía Gil poñendo a voz. Axiña houbo colaboracións de distinitas persoas nos ventos, e na guitarra comezou Gundi Prol, que deixou o grupo un ano máis tarde, pero ficharon ó momento a Omar Reza. No abril do 2012 incorpórase Irene Somoza para darlle fol ó saxo. Cando marchou Paula apareceu Raquel Huete e cando marchou esta (porque a xente, a vida é un continuo ir e vir) asomou Pablo Supermirafiori co seu baixo colgado do pescozo. Por certo, este xa colaborara noutras ocasións. Resumindo, os que están hoxe, e que foron os que actuaron na Valenzá o xoves, 6 de xullo, son Lucía, María, Pablo, Lore, Omar e Irene.

Lin por algún lado unha confesión de Lorena (a da batería) que me fixo graza ("O meu esquelete axítase e colle vida propia con calquera ritmo e o sorriso é o meu mellor agasallo"). Porque lede agora o que anotei eu a pé de escenario, con poca luz, nun pequeno papel que levaba no peto do pantalón, e antes de ler esa declaración súa: "Lore Negreira goza nos temas como nunha pascua e canto máis avanza a actuacíón máis grande se fai o seu sorriso. Non sei por que, pero dáme que é a alegría da casa". Creo que acertei de cheo.

Sabemos que ata a algúns grandes se lles pon costa arriba vivir deste mundo musical ou da farándula. Imaxinade entón os que empezan; polo que, claro, nos lles queda outra que abrirse camiño, botar o pé adiante na procura doutras tarefas, doutras profesións. Así, Lucía, Lore e María son profesoras. Irene traballa nos servizos sociais como persoal sanitario. Omar traballa en temas relacionados coa automoción e Pablo seica é un "mañoso", un multitarefas, ata o punto de colaborar incluso en algunha rodaxe televisiva. Irene é da Coruña, María de Asturia e os demais son de aquí, de Ourense. A asturiana é compositora e acaba de recibir no gran París de Francia o segundo premio no concurso internacional de composición Helianthe coa súa peza "Devil´s dance" para saxo.

Un dos grandes obxectivos de The Tetas´ Van (este nome saíu dunha enquisa que fixeron polo feisbuq) é o de visibilizar ás mulleres dentro do panorama musical, normalizando a súa presenza nos escenarios, xa que "segundo unhas estatísticas, a porcentaxe de participación de mulleres nos festivais en Galicia (e no resto de España) é moi baixa, o que nos fai reflexionar de que hai unha clara falta de referentes para as futuras xeracións que queremos romper", segundo declaracións da propia Irene Somoza. E así andan nun proxecto conxunto con Sacha na Horta, Oima e Habelas Hainas chamado "A verbena das Irmandiñas", que ten como meta normalizar a presenza da muller no escenario.
Rivas Delgado, Antonio
Rivas Delgado, Antonio


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PROMOCIÓN
PUBLICACIONES
Publicaciones
Publicaciones Amencer
Revista Egap
Obradoiro de Artesania