A Morte da Parroquia Rural Galega
Rodríguez Porto, Ramón - martes, 02 de enero de 2018
O esborrallamento da parroquia rural galega, tan fundamental ó longo dos séculos na organización do noso hábitat é unha realidade dende a metade do século pasado e moito máis agudizante nestes primeiros anos do século XXI.
Diferentes medios dan constancia do despoboamento da comarca chantadesa, da provincia de Lugo, e somos coñecedores de que é extensivo ó resto da Galicia interior.
A parroquia, en Galicia, comezou a formarse lentamente baixo a dominación romana, acadando as súas características fundamentais no século VI baixo o reino suevo. A nosa parroquia tiña dous aspectos moi singulares e complementarios: o económico e o relixioso e, como consecuencia de ámbolos dous, o cultural.
As parroquias eran un micromundo pechado sobor de si mesmo e perfectamente ben organizado. O párroco era a persoa con poder espiritual e tamén, ás veces, temporal e, en certo xeito, a cabeza visible da comunidade. O edificio da eirexa cumpría a función de ser o centro da parroquia e o lugar de encontro dos ferigreses: vivos e defuntos. Debido á desamortización do século XIX, os toques ou badaladas dos reloxios municipais doados por indianos a algunhas localidades sustituíron o soído das vellas campás eclesiais, anque non totalmente. De tódolos xeitos a secularización da vida comezou a penetrar no rural. O pedáneo nomeado polo Concello e o mestre comezaron a compartir co párroco a influencia nos seus veciños. O que estas autoridades ou representantes da autoridade relixiosa, administrativa e educativa- residiran permanentemente no lugar dáballes un coñecemento profundo de toda a problemática veciñal. A súa influencia na parroquia resultou ser moi importante.
A parroquia, ó longo dos séculos ata os anos cincuenta do pasado, constituía unha grande familia. Ademais dos vencellos de parentesco que os habitantes podían ter entre si, facían moita vida comunitaria e moitos traballos eran compartidos: seituras, mallas, sachas, esfollas, vendimas, estilas e mesmo eiras, fornos, muíños, fontes, aproveitamento de montes e augas entre outros... En base a estas actividades formouse unha riquísima cultura material, verbal e ritual.
O comezar a despoboarse as nosas aldeas, crise agudizada hai cincuenta e moitos anos, abandoáronse os cultivos agrícolas, a broza foise apoderando de todo e as casas comezaron a esborrallarse, cando non desapareceron totalmente. Ademais, o sistema castígate si se acondiciona algunha casa ou simplemente se lle bota tellado novo. En vez de premiar o esforzo de rehabilitación o que che meten é o catastrazo, cun incremento considerable do pago de impostos. Resistiron algúns vellos e certos labregos reconvertidos en gandeiros, coas eivas e limitacións que todos coñecemos. Arredor das cidades os pequenos pobos utilízanse como lugares-dormitorio, habitados por xentes alleas ó lugar.
Dada a actual situación de abandono e desconcerto e aínda que non somos futurólogos, cavilemos o que ocurrirá no futuro. De seguir polo camiño que leva, arrepíanos maxinar como será a Galicia rural dentro de só vinte anos. Existirá realmente? E a Galicia urbana, que clase de híbridos seguirá a producir?

Rodríguez Porto, Ramón
Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los
autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora