Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Sentenzas, Fías e Ruadas (1)

martes, 02 de enero de 2018
Sentenzas, Fías e Ruadas na bisbarra de Castroverde, Pol e Baleira

Sentenzas, Fías e Ruadas (1)Dedicado á inesquecible memoria de meu pai, Xosé María Gómez Lombardero, un Mestre de Mestres, que tanto impulsou a cultura desta bisbarra, e iso que non tiña título oficial; redactou e dirixiu a maior parte das “Sentenzas” que se representaron no século XX na bisbarra de Castroverde, Pol e Baleira; aquí recóllese un mostrario delas.

Nesta primeira fotografía, servidor, dando o Pregón na Corrida do Galo da Meda, Pascua do ano 1948. Foi a primeira vez que falei en público.

Esta fotografía está recollida por Narciso De Gabriel na páxina 353 do seu libro "Escolantes".

Un home, un pai, un mestre, inimitable.


-.-


¡Deica logo, meus queridos pais!

En vida, polas circunstancias da miña emigración precoz,
pouco puidemos falar,
intercomunicar,
así que moito desexo,
Aí Arriba,
recuperar convosco tantos temas que nos quedaron sen tratar.

-.-


Aclaración: Esta silueta do encabezamento non nos mostra, como aparenta, un guerreiro saíndo do noso castelo de Castroverde camiño das guerras contra a mourería, ou para enfrontarse aos seus veciños, aos seus competidores, ¡que tamén os había!, senón algo máis próximo a nosoutros, aos nosos días: Indica, lembra, simboliza, aqueles mozos brandindo a espada coa que executaban, colgado dun trelo, entre dúas árbores, ao galo pecadento, naquelas "corridas", con aquelas "sentenzas", unhas veces por Carnaval e outras na Pascua, ¡na Pascua Florida, que así se lle chamaba, e con razón!

Para empezar, un repasiño ao pretérito,
¡que non sempre foi pluscuamperfecto!

Unha dona ten sete fillas,
e a máis vella de cinco días...
A Coresma.

O noso rural, concretamente esta bisbarra de Castroverde, Pol e Baleira, (póñena con “B” pero non esta baleira senón cruzada de vales, é, por tanto, Valeira), nisto máis ou menos coma as limítrofes, xiraba, xirou ata fai pouco, polarizado por dous acontecementos periódicos senlleiros: No material, as mallas; e no relixioso, a Coresma, esa coresma das sete fillas, das sete semanas, suavizadas polo Concilio Vaticano II. En canto ás mallas, despois dun período de atención case exclusiva á gandería, e precisamente por culpa e por causa diso, estamos volvendo ao cereal, ¡Condado de Chamoso, Flammoso, que dicían os romanos, precisamente Sentenzas, Fías e Ruadas (1)polo flamexar das nosas colleitas!, pero doutro xeito, todo mecanizado por obra e graza desa maquinaria que incluso recolle o millo, á vez que espanta ás curuxas. ¡Unhas mallas que non precisan malle, nin malle nin espalladoiras, que ía sendo hora de que se redimisen daquel traballo, daqueles traballos!

¡Deus, qué espectáculo, qué estampa, a das nosas espalladoiras cimbrándose na escolma da palla; aquela si que era danza ventral, e non esas que saen na tele! Disto sei algo, ¡moito!, porque desde cativo tiven a afección de subirme ás medas e aos palleiros, para retratalas cos meus ollos inocentes, así, desde arriba, de corpo enteiro.

¿Onde está o noso pretérito, exactamente ese, o pluscuamperfecto? Eu situaríao centrado no 1940, daquela que Castroverde superou os 9000 habitantes. ¿Nove mil habitantes...? ¡Iso, de feito, sen contar os de dereito, aqueles ausentes da nosa, sempiterna, emigración! Hai que volver a por eles, resucita-las cifras, pero ben mantidos, ben nutridos, instruídos, pois, para corenta..., ladróns, chegaron aqueles anos, esa década! O pandeiro, crises á parte, está en boas mans: ¡Bos mestres e bos alumnos! Xente que saiba dirixir, ordenar, encarreira-la economía, e que nos leve a un futuro esplendoroso, ao futuro dos netos. ¡Haber, hainos, pero o caso é que nos deixen escoller, tal que nunhas listas abertas! Pero tampouco é cousa de durmirse, pois os demais, a outra xente, os outros países, as outras razas..., tamén están espertos, espertos ou espertando..., ¡e compiten, maiormente agora, neste mundo globalizado!

O progreso, económico e social, dúas caras da mesma moeda, ten, ou deberá ter, por lema, avanzar sen destruír, modernizar conservando canto mereza a pena de ser conservado, ¡que todo é Patrimonio!

Coido que tamén se podería enunciar dun xeito máis sinxelo: ¡Embelecer! ¡Iso: embelecer a vida facéndoa máis grata, máis saudable, máis perfecta, máis confortable, máis...! Por contra, o feísmo non está só en certas construcións materiais, senón, e tamén, na insensibilidade á que nos levan as tentacións prosaicas, acomodaticias; esa falta de discernimento, de selectividade, daqueles que se consideran con herdanza suficiente, ricos e formados; por ende, con opción a darse a gran vida, ¡que adoita ser a mala! Neste século, neste XXI, inventouse unha verba macanuda, pero aínda estamos empezando a entendela, e por ende, a cumprila: ¡A sostiblidade, o desenrolo sostible!

Mal se pode soster algo sen principios, sen fundamentos, sen alicerces; de aí que non sexa perde-lo tempo o de volve-los ollos ao noso pretérito; rememorar aquilo que fixeron, aquilo que inventaron, aquilo que experimentaron os nosos vellos. Serve, fundamentalmente, para dúas cousas: Para entendelos, e para agradecerlles aqueles esforzos. Mal podemos entendelos se esquecemos os seus afáns, pero tamén os seus divertimentos, o seu xeito de expresar, tanto as ledicias como as protestas. En canto aos esforzos daqueles oficios, daquel xeito de traballar, aquela inventiva, en tantas cousas que hoxe consideramos "atrasos", xurdiron precisamente as técnicas, as experiencias, os usos e mailos costumes dos que hoxe gozamos. Non hai árbore sen raíces, nin civilización sen precedentes, sen escaleiras.

E logo está iso de que recolle-lo pasado, sexa na oral ou na escrita, pode resultar divertido, estimulante, e incluso provocador de novas iniciativas. Dun tempo a esta parte, grazas, entre outros, a Niepce e a Daguerre, que obtiveron, dito nas súas propias verbas, a "fixación permanente das imaxes", o pretérito xa non se soterra: ¡Podemos poñelo en conserva, e abrir a lata cando nos pete! Algunhas cousas, que non todas, pois as inmateriais, agora que non podemos contalas nas lareiras, ¡que esas tamén son pretérito!, só cabe transmitilas de vellos a novos, de xeración en xeración, pola voz ou pola escrita, mediante esta multitudes de aparellos conservadores, reprodutores. Nisto está o que considero un deber social, cívico incluso, daqueles que vivimos, daqueles que observamos e memorizamos acontecementos importantes, transcendentes. ¡Pasa-lo facho, como agora se di! E temos tantas cousas para lembrar, para transmitir! Pero coido que será mellor ir por partes, non anticipar o temario global para que o lector asuma a posible graza que lle fagan os feitos, e cos feitos, as circunstancias, a sorpresa de ir descubrindo que o mundo non empezou hoxe, senón onte, ou máis exactamente, antonte.
.../...
Gómez Vilabella, Xosé M.
Gómez Vilabella, Xosé M.


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES