Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

A ciencia nas pancartas

viernes, 29 de diciembre de 2017
O clamor é planetario. Reivindican o valor da ciencia nas marchas. De Londres a Berlín. De Madrid a Nueva York. De Bogotá a Copenhague. Así, ata 600 cidades.

Convencidos e loitadores, tentan convencer á sociedade que sen ciencia non hai futuro. Que as inversións raquíticas producen cerebros raquíticos. Que a xibarización das inversións en investigación acaban xibarizando, adormecendo, embrutecendo aos países. Que os dogmas non poden substituir ás evidencias científicas.

Aquí, o panem et circenses do fútbol, a peor televisión e a información domeñada impide ver que entre 2010 e 2016 España perdeu 10.000 investigadores e 20.000 empresas innovadoras. Expulsando a milleiros de titulados, malgastamos o principal xacemento de riqueza: o cerebro humano.

Pancartas como disparos ao corazón. 'A ciencia fai grande a América' e non o matonismo e a xenofobia dun bufón excesivo. Non é posible que a chegada ao trono do imperio dun tal Trump poña en perigo ducias de investigacións médicas e de protección medioambiental. Ou que se rodee de negacionistas do cambio climático: 'Non hai un planeta B', avisa outra pancarta. En Amsterdam florecía a mellor Holanda, recuperada do susto dun tal Geert Wilders: 'O lugar da muller é o laboratorio' pois casa, nenos, cama e cociña son lugares compartidos. En Londres as pancartas botaban auga sobre o ardor guerreiro en alza nas bolsas: 'Menos invasións e máis ecuacións'.

Tamén aquí os científicos reclamaron inversións. España é este país turbio, patio de Monipodio onde toda corrupción político económica é posible. Por iso marcharon en contra das políticas anticiencia, inversións raquíticas e recortes. Clama ao ceo que o país dedique cantidades obscenas a estrelas de fútbol, 87,5 millóns anuais a Ronaldo, 76,5 a Messi, mentres un heroico equipo de investigadores en Compostela considera un milagro conseguir medio millón en donacións para seguir coas investigacións sobre cancro e biopsia líquida. 'Nin exilio nin escravitude: non a precariedade'. E recordan que 'Hai cartos para investigar, pero están en Suiza', ou nos petos de bandidos como vemos en Madrid, en Cataluña, Baleares, Andalucía, Murcia, Valencia: pandemia que se estendeu polo país.

Hai que reivindicar o evidente ante os gobernos: a importancia da ciencia, esencial para a democracia e a liberdade, alicerce do desenvolvemento económico e social do país, cunha clara vocación de servizo público máis aló do negocio e da cobiza privada. Por iso hai que apostar pola investigación e a educación científica de vangarda.

O cerebro humano éche a ferramenta máis poderosa… e preguiceira. Nela están as portas do coñecemento, abertas ao futuro ou pechadas para negalo. Por iso as reivindicacións da ciencia, escritas nas pancartas, berran nas rúas.
Pinto Antón, J.A.
Pinto Antón, J.A.


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES