Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Oliver Laxe, o Capitán das Mimosas

viernes, 29 de diciembre de 2017
Testemuñas da Memoria
Oliver Laxe, o Capitán das Mimosas

Levaba uns cantos días pensando en como iniciar unha reportaxe sobre Oliver Laxe cando unha noite, no descanso dunha película televisiva e fochicando polo teletexto, me atopei cunha noticia sobre el e sobre a consecución dun premio. Ó día seguinte, neste mesmo xornal de La Región, xa encontrei a noticia bastante máis ampliada: acababan de darlle o premio do xurado (enténdese que é o máis importante de calquera festival) no Festival de Cine de Taipei pola súa película “Mimosas” (2016). Certo que… Taipei? Que queredes, que o levara en Cannes?. O máximo do máximo. Pois dicir Cannes é dicir incluso máis, pero moito máis que dicir Oscar, por moito que este sexa ianqui e teña moita máis popularidade. Pero resulta que o ano pasado, en Cannes, coa mesma película, acadou o Gran Premio da Semana da Crítica. En Cannes! Que, é ou non é un artistiña!

A este artistiña, grazas ás grazas, coñecino en Maceda, máis en concreto no castelo de Maceda, cando na nosa provincia, alá pola primeira semana de maio, se celebrou a chamada Ourense ICC Week (co bonito que sería chamarlle Semana das Industrias Culturais e Creativas en Ourense). A súa actuación consistiu en impartirlle toda unha clase biográfica e cinematográfica a unha morea de mozos, a maioría deles, estudantes das artes escénicas ou de materias relacionadas con esas.

Cando entrei no castelo e o vin na mesma entrada (logo de estudar un chisco pola Internet a súa imaxe física, pois sigo dicindo que son algo cortadiño para relacionarme moito coa xente, polo que procuro ir a tiro fixo), confeso que tiven que mirar para moi arriba, pero para moi arriba, e a pesar de que eu non é que sexa de pequena estatura. E mirei para moi arriba porque me presentei, claro. Xa digo, a tiro fixo; e desde que escribo estas Testemuñas da Memoria non queda outra que facer de tripas corazón e deixar a vergonza dando unha volta polas aforas do castelo.

Sobre un artistiña coma el, se botamos man da Internet, aparecen páxinas e páxinas que falan da súa vida e da súa obra. E aínda que ás veces o tal San Guguel mete os pés polas mangas, ben certo é que si dá para unha reportaxe medianamente extensa. Pero xa que asistín á súa lección biográfica e cinematográfica, pillei por aquí e por alá cousiñas moi interesantes que foi contando ás toas. Contounas de tal maneira que mesmo semellaba que imitaban a súa propia personalidade: con tranquilidade, con parsimonia, con humildade e con moita paciencia. É desas persoas tan calmosas e tan enganosas que o pensamento váiseche a que é nugallán. Pero axiña me demostrou que non era tal.

Oliver Laxe naceu en París en 1982, mais a súa nai era dunha aldea dos Ancares que hoxe está xa abandonada (como tantas de tantos lugares). Dixo que fora alí onde se fixera cineasta ó ver, ó sentir a vida desa xente. Porque aínda que naceu no país veciño, creo que foi ós seis anos cando se viñeron xa para Galicia. Estudou en Pontevedra relacións públicas. Nesta cidade case estaba máis no cine club que na propia casa. Fixo da Universidade un complemento da súa propia formación.

Cunha bolsa Erasmus foise a Londres pero non se adaptou un carallo. Ó rematar a carreira largou a Marrocos e en Tánxer montou un obradoiro con nenos. Empezou a filmar con cámaras vellas de 16 mm.. Cunha cámara de 25 mm. e cinco persoas xa fixo unha película. Parece mentira que detrás desa imaxe que dá de pachorra aniñe un home inquedo, valente. Ten que ser valente para facer o que fixo nas terras africanas, que sen practicamente medios, el tiraba sempre cara á adiante. Na sala do castelo nos confesou que “todos os accidentes e obstáculos acaban enriquecendo unha película ou a arte cinematográfica”.

Seguimos a rachar: o seu proxecto de fin de carreira foi “E as chemineas decidiron escapar” (2006). Con ela ganou un premio e deulle opción de ir a Cannes. Noutra das súas viaxes a ese Festival, no propio avión, facía os subtítulos da película “Todos vós sodes capitán” (2010) e acadou o premio Fipresci do mesmo. É dos que cren que a segunda longametraxe é complicada. Xa sabedes, polo das expectativas. Pero Laxe é tan inmensamente bo que está sacando á luz auténticas xoias.

Non lle apetece traballar con actores porque lle gustan os bos e, claro, sabe que non ten opcións de telos ás súas ordes. Así é que bota man de nenos e de xente non profesional que lle dan ó seu cine ese plus de autenticidade, de lexitimidade e fermosura.

“Mimosas”, o seu último gran éxito, custou tan só 300.000 euros, cando a media dunha película española é de dous millóns. Creo que sobran comentarios.
Rivas Delgado, Antonio
Rivas Delgado, Antonio


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PROMOCIÓN
PUBLICACIONES
Publicaciones
Publicaciones Amencer
Revista Egap
Obradoiro de Artesania