Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

O TUC como solución

jueves, 28 de diciembre de 2017
Verdadeiramente descoñezo cal é a orixe etimolóxica -se é que ten algunha, que algunha terá- da palabra “taxi”. Do mesmo xeito que descoñezo de onde procede a súa relativamente rápida internacionalización, pois independentemente do idioma que se utilice en calquera país do mundo, o habitual é que eses automóbiles con servizo de aluguer temporal con conductor que o viaxeiro adoita reclamar para desprazarse dun lado ó outro nesas cidades, leve por riba do capó o coñecido identificador.

O que si sei a ciencia certa -xa o teño escrito aquí en diversas ocasións- é que por unha axeitada evolución dese servizo público vai pasar inexorablemente unha boa parte da solución do transporte no medio rural galego e con el a sociedade galega comezará a poñer seriamente as bases para a futura e necesaria repoboación dese medio rural galego que agora esmorece por desangre e inanición.

Por iso me resultou acaída a lectura dunha noticia protagonizada o pasado sábado polo concello de Vilar de Santos e pola que me dispoño a felicitar ó seu alcalde, que ten que ver coa inmediata posta en marcha dun novo servizo de transporte intermunicipal aproveitado a rede municipal de taxis e que funcionará baixo a premisa do uso compartido -taxi de uso compartido (TUC), lle van chamar-, definindo unha rede que comunicará tódalas aldeas do termo municipal coa capitalidade do Concello para que todo aquel que desexe achegarse a algún servizo público coma o médico, a farmacia, o banco, etc., non teña que depender de ningún familiar e moito menos de ningún veciño por máis que se cadra se leve mellor ca co seu familiar, e sexa, polo tanto, un ser autosuficiente, que é a premisa elemental e básica para poder vivir no medio rural.

Ora ben, feita esta explicación previa, a parte negativa do asunto radica, unha vez máis, en que teña que ser o voluntarismo valente e sen medios que de cando en vez decide executar un alcalde -ou alcaldesa- dos máis comprometidos co medio rural e sen outras ferramentas cás dese encomiable voluntarismo e o compromiso persoal ou profesional dos seus veciños.

Postos a poñerlle peros, é certo que 1,40 euros non é moito para un vehículo que só pode cargar a 4 persoas nunha viaxe. Pero, e se os taxis, no canto de ser turismos de catro prazas máis o conductor, fosen vehículos de oito ou nove prazas? E se no canto de ser un concello só fose un plan trazado e acordado polas tres administracións, a local, a provincial e a autonómica? Seguro que non pagaría a pena botarlle unha pensada?

Xa sei que recentemente foi lexislada unha normativa do taxi para Galicia -na que non se contemplou nada disto- e que andan de aquí para alá coa lei do transporte, ademais desas plataformas que algún día acabará chegando ó medio rural.

Pois ben, nestes tempos de mudanzas non sería mellor abrirse a novos horizontes e non manter o servizo de taxi coma unha reliquia decimonónica condenada a ser exposta no museo municipal?
Piñeiro, Antonio
Piñeiro, Antonio


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES