Miscelánea Focense: Isaac Díaz Pardo e A Mariña
Fernández, Suso - lunes, 30 de julio de 2007
O pasado 25 de xullo, Día da Patria Galega, en solemne acto celebrado en Santiago de Compostela, o goberno autonómico vai a fixo entrega da mais alta distinción que o mesmo concede, a Medalla de Ouro de Galicia, a Isaac Díaz Pardo, pola súa contribución á cultura galega e a defensa dos intereses da nosa terra.
Sabido é que se trata de un dos personaxes mais destacados de Galicia do último século co que o noso país estará sempre en débeda, porque a súa biografía é unha permanente loita, dende a cultura e dende a empresa, pola dignidade espiritual e material do noso pobo, e polo tanto un referente cultural, ético e político de Galicia.
A inxente laboura levada a cabo por este home, todo un símbolo da coherencia, da dignidade e do amor á terra, está a recibir o recoñecemento de tal evidencia histórica por parte de institucións e colectivos cidadáns que, en circunstancias especialmente graves para a súa persoa e a súa obra, é merecente do apoio e a solidaridade de cantos galegos/as sexan quen de valorar unha permanente actitude humana e intelectual que tantos beneficios ten reportado, e segue a facelo, ó noso país.
Só mencionar as empresas e iniciativas especialmente por él promovidas e alentadas: Laboratorio de Formas de Galicia, Cerámicas O Castro, Sargadelos, Museo de Carlos Maside, Edicións O Castro, Instituto Galego de Información
bastarían para render homenaxe de admiración e gratitude a quen, dende a mais sublime humildade foi, e é, capaz de dignificar unha terra na que ó longo dos tempos non se prodigaron precisamente valedores semellantes.
O milagro da recuperación de Sargadelos, convertido no buque-insignia do grupo, fixo que a Mariña de Lugo fose a gran beneficiada neste labor desbordante de Díaz Pardo.
Isaac, cos seus grandes cómplices promotores da ambiciosa operación da recuperación histórica a través da cerámica tradicional e as novas formas baseadas na sabenza ancestral, trouxo á nosa bisbarra cultura, arte, prestixio e postos de traballo directos e indirectos e o nome dos nosos pobos acadaron renome universal.
Está a piques de cumprirse os corenta anos da que foi unha data transcendente
nesta recuperación sargadeliana; efectivamente en 1968 o ambicioso proxecto facíase realidade con unha actuación experimental, para dous anos mais tarde inaugurar a planta circular. As primeiras pezas que saíron do novo obradoiro estaban deseñadas por Luis Seoane e por un equipo coordinado por Díaz Pardo.
A partir daí, Sargadelos foi erixíndose en empresa exemplar como fora concebida e nunha sinal de identidade da costa lucense, da que todos nos sentimos fachendosos.
Por eso os mariñáns non podemos quedar á marxe das manifestacións de solidaridade e de agarimo con quen foi alma máter de tanta honra e de tanto beneficio; sería dunha ingratitude imperdoable.
Por eso coidamos que dende a Mancomunidade de Concellos débese promover e coordinar a grande homenaxe dos pobos mariñáns a quen trouxo a eles valores imperecedeiros que quedarán gravados con letras de ouro nas páxinas da súa historia.

Fernández, Suso
Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los
autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora