Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Baldo García Romero

martes, 26 de diciembre de 2017
Naceu en Vigo o 19 de agosto de 1932 e finou o 29 de novembro de 2016 en Valeixe (A Caniza). Estuda na Escola de Comercio de Vigo e traballa durante algún tempo na Caixa de Aforros. Forma parte dos movementos da Acción Católica como responsable da sección xuvenil. Avanza no seu compromiso relixioso e e ingresa en Barcelos (Portugal) no Noviciado da Congregación Misioneira do Espírito Santo, cursa Filosofía en Lisboa e a Licenciatura en Teoloxía na Universidade Gregoriana e Antropoloxía na Sorbona. Accede ao sacerdocio en 1964.

Como misioneiro traballa en Nova Lisboa (Angola), onde observa e sofre a brutal represión da PIDE, policía da Ditadura salazarista, actuacións que denuncia, sen éxito,ante a Xerarquía eclesiástica e ante a autoridade civil, pero a a súa bondade e sensibilidade de pastor, impídenlle gardar silencio. Acusado de pertencer ao partido Comunista Italiano, ten que fuxir e regresa a España acollido por uns mariñeiros vascos.

A súa gran paixón era o continente africano e volve ao Congo, República Popular, a Brazzaville. Sabe que para ser verdadeiro mensaxeiro de Boa Nova ten que encarnarse, enculturarse, ser un deles, por iso, no na nova misión no Camerún estuda o suajiri, sen falar a súa lingua será sempre un estranxeiro, un colonizador, el vai coma un irmán, ese é o seu compromiso.

En Baldo concéntrase tanta cultura como bondade, é quen de comunicarse , ademais de dominar o castelán, idioma da súa nai, en galego en francés, inglés, portugués, italiano e suajili. Pero o idioma universal de Baldo era a súa capacidade de acollida e de acompañamento. Tiña moi claro que o evanxeo, máis que un libro de relixión era un proxecto de vida que esixe ser honrados en todo e con todos, bos cidadáns.

Baldo era un home fondamente relixioso, o seu modelo era Xesús de Nazaré, porén, como Xesús, as súas preocupacións non son preocupacións relixiosas, nin o culto, nin o templo ou a mesma Lei son motivo de especial interese, as tres preocupacións fundamentais de Xesús son humanas:1) a saúde dos enfermos;2) a alimentación, especialmente dos pobres e, 3) as relacións humanas . O importante para Xesús non era a relixiosidade, senón a humanidade. Así o entendía Baldo e así o viviu, predicou e ensinou coa súa vida e coa súa palabra no Instituto de Redondela, no Colexio Alba e no Seminario Maior de Tui-Vigo, por todos os lugares por onde andou.

Esa presentación e vivencia atractiva do cristianismo facía que cristiáns de Redondela e contorna acudisen ás celebracións presididas por Baldo.

Por onde andou deixou a súa pegada de humanidade, de honradez e bondade: formador e profesor en Seminarios da súa Congregación en San Cugat del Vallés, Aranda de Duero, Madrid e finalmente na Diocese de Tui ,en Valeixe, San Vicente de Trasmañó e Santo André de Cedeira, onde se xubila en 2012.

Durante toda a súa vida conservou un recordo tan triste como tenro polo seu padriño, o doutor don Ubaldo Gil Santostegui, vilmente asasinado o 27 de agosto de 1936, despois dunha parodia de xuízo, en Pereiró por aquel miserable capitán Carreró acompañado dun tenente da Garda Civil, alcumado o "Rabioso". Xentalla desta catadura gozou durante décadas de rúas dedicadas ao seu nome: Felipe Sánchez, Carreró, Franco… Ultimamente o Presidente do Goberno, don Mariano Rajoy, trouxo á memoria ao Almirante Salvador Moreno, laiándose de que a rúa a el dedicada e agora denominada rúa Rosalía de Castro non mantivese o nome dun individuo que traizoando o xuramento de fidelidade a unha Constitución e a un goberno lexítimo colaborou no asasinato do seu superior o almirante da base de Ferrol, don Antonio Azarola Gresillón, por certo, católico practicante, bombardeou a cidade de Xixón e a costa Cantábrica e desde un Cruceiro de guerra mandado por el asasinaron a cerca de catro mil persoas indefensas, nenos, mulleres e anciáns que fuxían de Málaga, aterrados pola proximidade dos lexionarios e das tropas de Queipo de Llano, a famosa "desbandá". Ese foi o almirante Salvador Moreno.

Debería saber o señor Rajoy que a dedicación dunha rúa, espazo ou monumento público a un personaxe ten o significado de exaltación, especie de altar para a sociedade civil, modelo para os cidadáns. Pois ben, ao padriño de Baldo, tamén o asasinaron uns miserables desalmados, indignos e criminais. Debeu ser tan forte a impresión que nunca desapareceu da memoria do neno Baldo.

O pasado día 1 de decembro os seus queridos fregueses de Santo André de Cedeira e de San Vicente de Trasmañó rendéronlle unha sincera homenaxe e na súa memoria colocaron unha placa en recoñecemento e agradecemento pola súa entrega.

O programa de vida de Baldo está recollido no seu testamento,testemuño vital, dirixido aos fregueses das parroquias citadas.

Descanse en paz este bo Pastor, bo amigo, galego dos bos e xenerosos.

(Xosé María Pin Millares era amigo de Baldo)
Pin Millares, Xosé María
Pin Millares, Xosé María


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES