
DEMASIADOS!. En Santiago, nos camiños, nas zonas, nos medios. Na Xunta, na nova Deputacións, nos Concellos. Nos gobernos e na oposición. Mesmo na Igrexa. Segue a se vender fume ademais do que deixou o botafumeiro e os fogos do Apóstolo. ¡Máis caos e confusión!
Á hora da revisión (e/ou da resaca das festas), cremos que foron demasiadas as concentracións e desfiles. Antes, en e despois da festa do Apóstolo. En Santiago e no resto de Galicia. Os políticos, sempre omnipresentes. Algúns aparcaron os devezos e loitas locais para exhibir o seu pobre patriotismo e/ou o temporal galeguismo.
As rimbombantes declaracións institucionais, en fidelidade a un descoñecido patrón (¡a Santiago nin o citaron!) soan a cinismo. Tiraron foguetes invitando a celebrar a Festa Grande, o Día de Galicia, da Patria Galega, apelando á historia. Coa unidade como lema e faltando á verdade e ao respecto. E presumindo do fume ata das promesas incumpridas.
Con perdón, están na mesma liña do abafante programa da TVG Gran Camiño (insultante entroidada ó Camiño e aos peregrinos) copia doutro irmán, que non xustifica nin a boa intención de deixar o tabaco. Tentan de se facer donos do sagrado, feren sensibilidades, profanan e venden o Camiño.
O botafumeiro naceu para purificar os malos cheiros das vellas e grandes concentracións de vellos tempos. Un rico símbolo e unha chamada á Igrexa galega e aos seus gobernantes para asumir o reto/obxectivo de limpar a enorme cantidade de impurezas e inxustizas á hora do reparto equilibrado da riqueza e bens da Comunidade galega.
Os recentes paseos de gobernantes pola Montaña lucense (¡seguro que de boa fe!) tamén son fume. Está á vista.Todo se centra nun cativo amaño de estradas (algunhas feitas) e noutra montaxe de cursiños, dos que xa coñecemos o seu proceso e a súa dubidosa utilidade.¡Non máis fumes, por favor!.Somos persoas adultas. Non nenos/as.