Separatismo e unidade
Otero Canto, Xosé - jueves, 21 de diciembre de 2017
Valín, o amigo libreiro que move as verdades íntimas e non descubertas dos libros, na súa sabedoría de biblioteca antiga, mais tamén de erudición e sensatez histórica, prestoume un libro deses que os doctos devoran como o chocolate, pero que, para chegar a ese éxtase lector é necesario unha pingueira ou mellor, unha pincheira de coñecementos adquiridos ao longo da vida; ese libro chámase Separatismo e unidade, unha mitificación histórica, de Eduardo Menéndez Valdés.
Neste libro identifícase a realidade que todos aprendemos nos colexios da nosa infancia e adolescencia como verdade universal incuestionábel, o feito de que Castela foi a forxadora da unidade de España, ata tal punto que nos levou aos cumes da grandeza, chegando a un extremo tal que todos ou case todos os feitos importantes da nosa historia, son empresas castelás e onde os demais pobos da Hispania eramos unhas simples comparsas do benfacer dos castelás.
Esta idea, todos a temos metida na nosa cabeza como unha verdade universal, cando nada hai máis lonxe da realidade, porque ao longo da nosa historia, mentres Galicia e León loitan pola unidade, Castela, aposta sempre pola súa independencia, froito, -entre outras cousas-, da ambición dos gobernantes, pénsese en Fernán-González e nese orgullo castelán que non quere saber nada do que non sexa da súa orixe e todo o que fixo foi ir entorpecendo a unidade peninsular e, sen embargo, acaba sendo o portaestandarte dunha idea que nunca fora sentida por Castela, a unidade.
Desde Fernán González aos RRCC, o seu separatismo está visibel ao longo dos séculos; fíxense vostedes, para poñer un exemplo, que son Isabel e Fernando (primeiro Isabel) e que hai que inventar o tanto monta, monta tanto para ter moi clara a separación de Castela do reino de Aragón, aínda que sexan matrimonio, para ningunear ao rei aragonés e mantelo á marxe por non ser castelá, e onde os mitos que nos inventaron nos nosos estudos, mantéñense ao longo dos séculos, falando incluso da gran empresa da nosa historia: O descubremento de América, como empresa case que exclusiva dos castelás, cando . . .
1º.- O socio industrial era Colón (Non castelán)
2º.- O socio capitalista era Luís de Santángel, tesoreiro do reino de Aragón, que foi o que puxo o diñeiro para tal empresa, e o conto chino das xoias ou alfaias de Isabel a Católica, todos o temos nos miolos e considerámolo unha gran verdade. Hai que ver!
3º.- O personal subalterno e material: mariñeiros, carabelas . . .son, en liñas xerais, andaluces.
Entonces, como é posíbel que nos venderan esta trola, esta mentira histórica, cando os aragoneses son, xunto cos andaluces, etc. os verdadeiros artífices desta magna empresa . . . e como segue sendo posibel que sexan os casteláns os que levan a tallada e os demais actúan como comparsas?
O autor explícanos enton, como o verdadeiro independentista ao longo da historia é o Reino ou condado Castelá, e os da unidade o resto dos pobos hispánicos, aguantando as súas impertinencias e os seus desmáns.
Libro imprescindíbel para entender a nosa historia desde a Reconquista ata os nosos días, e tamén para desmitificar algunhas verdades que sempre consideramos incuestionabeis.

Otero Canto, Xosé