Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Pingas de orballo

miércoles, 20 de diciembre de 2017
A treboada de toda a vida

Chove. Chove sobre a Finca Fierro e sobre Baños de Molgas. Chove sobre a cabeza dos que andan pola rúa sen paraugas e sen capucha. Chove sobre a conciencia colectiva dun pobo e sobre o capó dun 600. Por fin chegou a cicloxénese tan ansiada, é dicir, a treboada de sempre, o que acontece todos os anos. Alarma amarela ou laranxa ou vermella. Que máis dá; o caso é alarmar. Anda que non aguantaba todas esas treboadas, a peito descuberto, no monte Medo ou no de Pinouzos, ou por entre as carballeiras das Costelas. E que non se me ocorrese largar para a casa coas vacas por medo a que me caese unha árbore enriba... ó chegar, labazada da nai e volta para o monte. Agora suspéndense todas as actividades que teñan lugar ó aire libre non vaia ser que che caia un toxo encima. Agora non se che ocorra saír da casa, por se aquel. Chove. Chove sobre un can que pasa pola rúa e sobre as esaxeracións dunhas conciencias que queren ser santas. A cicloxénese Ana, ou sexa, a típica treboada de toda a vida bule por toda a contorna. Con certa parsimonia. Chove. E punto.

Neutralidade dos comentaristas???

Noxo de comentaristas da TVE. Partido Al Jazira-Real Madrid. Semifinais do Mundialito. Anúlanlle un gol (legal) ó Real Madrid e tiráronse media hora ou máis esbardallando contra o VAR. Que iso é un esperpento. Que o VAR non debería existir. Que imaxínate que fose a final dun Mundial ou dunha Liga de Campións. Empeza o segundo tempo e anúlanlle un gol ó Al Jazira (certo que ilegal pero por tan poucos centímetros que ata marcando a liña, ufff; a proba é que nin o xuíz de liña erguera a bandeirola). Pois desde ese momento só houbo un comentario: “grazas ó VAR”. E xa non se volveu falar máis do VAR. Eu entendo perfectamente que Manolo Sanchís (un dos comentaristas) tire para a súa casa; pero o que non entendo é a actitude dos demais periodistas que estaban narrando o partido. Cando interesaba, o VAR é unha merda. Cando interesaba (pero polo outro bando), o VAR é auga bendita! Iso non poden reflectilo uns periodistas que se presume, que se entende que son neutrais narrando un partido, sexa do país que sexa ou sexa da liga que sexa. Remato sobre o que dicían de que pode decidir unha final: que pensen nun balón que entra, que non dan gol e que prexudica ó seu equipo, á súa selección. A ver que opinaban do VAR.

Estatísticas de alí a nada

Canto nos gusta alardear ou facer que traballamos. Principalmente eses xefes con cargos políticos que, o único que queren, é amosar esas actividades que sacan á palestra. Por exemplo, hai pouco, a Xunta sacou unha orde no DOG (Diario Oficial de Galicia) sobre unha axuda ou solicitude do que fose un venres e o luns xa estaban pedindo estatísticas, cando, o máis seguro, é que aínda nin houbese tempo de ler toda a orde. Queren vender a súa actividade, o seu dinamismo. Queren facernos crer que actuaron coma lóstregos, coma balas, cando, na realidade, nin tan sequera tiñan que lanzarse certas axudas se desde un principio se actuase como se debería actuar. Pedir axudas é algo moi crítico, moi indixente; significa que algo falla. O galego emigra, emigrou sempre porque o galego foi sempre o gran esquecido, o deixado da man de Deus. Se unha persoa emigra é porque algo falla no noso país. Non obstante, os políticos axiña viran as tornas, axiña viran coma o vento: dirán que en vez de emigrar saímos a aprender, ou que saímos porque queremos ser algo máis cós demais. E seguro que o din con toda a pachorra.

Sempre sae algo

Xa estamos preparados. Para que? Non sei. O caso é que sentei ante o ordenador e estou a darlle ás teclas do mesmo. Algo sairá, non si? Sempre sae algo. Aínda que sexan peras dos limoeiros e castañas das toxeiras. Non é crible, pero aí está: a frase escrita. Tampouco é crible a política de hoxe en día (e de sempre, todo hai que dicilo) e, non obstante, os xornais enchen páxinas e máis páxinas con ela. Claro que, despois, o que lemos son os deportes e as necrolóxicas. Nestas, a maiores de mirar se é coñecido ou non, se é da contorna ou non, a vista escápasenos cara á idade. Si, si, seguro que é para saber se estamos cerca ou non. Cerca de espichala, claro. Cando un morto anda polas nosas idades... malo! Dicía que hai cousas que non son cribles, como o de cuspir para abaixo e que che caia nun ollo ou o de tratar a unha parraguesa (parraguesa, pon a mesa) como se fora unha princesa. Non é crible, pero aí queda tamén. O que me acaba demostrando, unha vez máis, que algo saíu. Certo, papas sen leite. Pero é o que hai. Así é que toca deixar de darlle ás teclas do ordenador.
Rivas Delgado, Antonio
Rivas Delgado, Antonio


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PROMOCIÓN
PUBLICACIONES
Publicaciones
Publicaciones Amencer
Revista Egap
Obradoiro de Artesania