Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Xulio Xiz é ouro puro

viernes, 22 de diciembre de 2017
Os que coñecemos ben ó amigo Xulio Xiz sabemos que o seu corazón é ouro puro e que a súa mente é puro ouro.

Por iso énchenos de ledicia que o Concello de Vilalba, a súa terra natal á que tanto ama, lle entregue a Medalla de Ouro do Concello a Xulio Xiz Ramil “polos seus destacados méritos e polos relevantes servizos prestados ao noso pobo”, acto que se celebrará no Auditorio Municipal de Vilalba o 29 de decembro de 2017 ás 20:30h.

Xulio Xiz é para min, e para tres xeneracións da miña familia, sinónimo de amistade verdadeira, xenerosidade sen límite, cultivador impecable da cultura galega, eficacia asombrosa, traballo incansable, exemplo a seguir, sinxeleza e bonhomía excelentísimas.

Xulio Xiz é, xunto ó Alcalde de Paradela e a Xesús Mato, un dos vértices do trípode responsable de que a memoria e o legado do meu pai, o escritor Manuel Rodríguez López, sexa parte da nosa historia viva, evitando que o silencio e o olvido o borrasen por sempre do recordo dos vivos. Tamén outros moitos contribúen a elo. Pero de forma especial, Xulio Xiz potenciou desde sempre a figura do meu pai, tanto en vida como trala súa morte. Manolo Rodríguez e Xulio Xiz disfrutaron dunha amistade fonda e verdadeira que os familiares de Manolo herdamos con máis forza se cabe, e que gardamos no noso peito como ouro precioso.
Xulio Xiz é ouro puro
Se menciono ó meu pai neste contexto tan só é para citalo como un pequeno exemplo. É grandioso para nós e para Xulio, pero un pequeño grao de área no vasto areal da vida do noso amigo vilalbés. O agarimo amosado por Xulio cara ó meu pai ten paralelismos co traballo incansable da nova Medalla de Ouro do Concello de Vilalba para que o legado, a vida, a historia de personaxes senlleiros, non sexan vencidos polo olvido, ou para que se faga xusticia cos seus legados. Ánxel Fole, Manuel María, Fiz Vergara Vilariño, Xosé María Díaz Castro, Enriqueta Otero, Xesús Mato, Xosé Manuel Carballo, Mini e Mero, Xaquín Campo Freire, e especialmente Manuel Rodríguez López, son só algúns dos nomes que eu coñezo foron motivo de iniciativas, libros, vídeos e audios liderados por Xulio Xiz. Sen dúbida hai moitos máis.

Non sei de ningunha iniciativa promovida por Xulio Xiz que non rematara en éxito. A súa inspiración infalible, unida á súa formación e capacidade de traballo, fan que o que Xulio toca convértese en ouro. O seguinte listado simplemente enumera algunhas das iniciativas lideradas por Xulio Xiz cun impacto significativo na nosa cultura: certames literarios, incluidos o certame de Vilalba, o de Begonte, o de Paradela e moitos outros, Praza Maior (voceiro do Concello de Lugo), OPHIUSA, Televisión Lugo, GaliciaDixital, Orfeón Lucense, Grupo Fotocinematográfico Fonmiñá. Dícese pronto, pero este párrafo contén o froito equivalente a moitas vidas de adicación plena. Sen Xulio, nada disto sería posible.

A obra de Xulio é importante e extensa. Innumerables libros publicados, centos de artigos xornalísticos, incontables horas de programas radiofónicos e de televisión, inxente material inédito, son resultados tanxibles que se engaden ás iniciativas que antes mencionei.

Pero non é só cantidade. A calidade da obra de Xulio é incontestable, está acreditada por innumerables recoñecementos públicos, incluidos unha vintena de premios nacionais e internacionais de Radio e TV, moitos deles co seu inseparable amigo, o chorado Marcial González Vigo.

A vida cultural galega das últimas décadas non sería a mesma sen Xulio Xiz quen, multiplicando a súa presencia e o seu tempo, leva poñendo ó servicio dos demais a súa capacidade única como presentador e mantedor de eventos culturais. Unha brevísima lista deles inclúe a Mostra Folklórica Internacional de Viveiro, Os Reices de Biomorto, O Belén de Begonte, o certame de Vilalba, o Certame de Paradela… Son centos máis os que sen dúbida se poden engadir a esta lista.

Non mencionei a súa actividade profesional que de por sí abondaría para homenaxear ó noso amigo. Pero ó citala, queda en evidencia que Xulio Xiz creou o seu inmenso legado “en ratos de vagar”, “no seu tempo libre” despois da longa xornada laboral e dende hai algún anos, na súa xubilosa xubilación na que nos segue a regalar o seu traballo e o seu tempo.

O tempo é ouro. Hai persoas especiais que convirten o tempo en ouro. Xulio Xiz é unha desas persoas. Non existe unha explicación máxica. A fórmula é sinxela para dous dos compoñentes: traballar moito e descansar pouco. O terceiro aspecto non está ó alcance de todos. É unha combinación dunha predisposición innata e as circunstancias persoais de cada un. En Xulio conxuntáronse os tres compoñentes, sendo o resultado único e irrepetible. Para o resto dos mortais, farían falla moitas vidas para poder facer o que leva feito Xulio Xiz. Que pasaría se Xulio poidera dispor de todo o tempo que o resto dos mortais desaproveitamos? A pregunta queda formulada, a resposta parece evidente.

E o que queda… Xulio segue a traballar, non sei se coa mesma ou con máis forza se cabe, pero sen dúbida con máis efectividade, experiencia e inspiración, regalándonos a súa vida e a súa obra cun sorriso agarimoso e coa súa amistade certa chea de sentimento.

Porque a obra e a vida de Xulio Xiz son sentimento puro, sentimento de poeta. Non se trata tan só dun curriculum vitae cheo de importantes feitos. Ó meu modo de ver, o fío conductor da súa obra é a vida e o sentimento humano, nos que o amor e a amistade son os elemento centrais, aplicados en primeira instancia á cultura galega. Elementos claramente apreciables pola súa adicación incondicional e total ó seu núcleo familiar e polo agarimo amosado ó seu inmenso círculo de amistades, do que me honro formar parte.

Xulio entendeu desde sempre, e leva á práctica de forma constante, a necesidade de amar ós demais antes que a un mesmo. Ben podería, ben tería merecido, adicar tempo a si mesmo, a ordenar o inmenso arquivo que contén a súa obra. Pero, en troques, segue adicando todo o seu tempo ós demais. E os demais non temos suficientes vidas para agradecerlle todo o que fai por nós. No meu caso, falo en nome de tres xeneracións da miña familia.
Xulio Xiz é ouro puro
O que levo escrito tan só é unha visión persoal coa que deixo constancia inequívoca de que Xulio Xiz é ouro puro. Sei que non só son eu o que así o pensa e así o sinte. É unha ledicia que o Concello de Vilalba, a súa terra natal á que tanto ama, así o recoñeza públicamente concedéndolle a Medalla de Ouro do Concello a Xulio Xiz Ramil. Se os centos de amigos que coñecen a Xulio Xiz publicasen tamén as súas vivencias co noso amigo, teríamos unha mellor visión da súa vida e obra. Aínda así, sería incompleta. Necesitaríamos analizar e comprender cada intre da súa historia para abranguer a profundidade, a importancia e o impacto da vida e obra de Xulio Xiz na cultura e nas persoas nas últimas décadas. Aínda así, seguiría sendo incompleta. Porque temos a sorte que aínda queda historia que escribir, un futuro no que seguro que Xulio Xiz nos deparará moitos outros motivos de satisfacción. Un futuro no que Xulio debe seguir sendo homenaxeado como recoñecemento do moito que fixo e está a facer por todos nós.
Rodríguez López, Santiago
Rodríguez López, Santiago


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES