Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Todo un cazador cazando premios

viernes, 22 de diciembre de 2017
Testemuñas da Memoria
Todo un cazador cazando premios

Xa dixen máis dunha vez que os amigos dos meus amigos son amigos meus e, a maiores, se teñen algo que dicir, que mostrar ou ensinar aquí está este molgués para darlles un pouco de pábulo, de cartel. Así, quedan ben eles e quedo ben eu. O asunto sobe algúns gramos máis sobre esa relación de amizade se, para máis aquel, ves que este novo amigo aínda é parente. Parente remoto, pero parente.

O día que escribín sobre Alberto Ferreiro, o veciño que lle daba de carallo a ese deporte minoritario chamado squash, este comentoume que tiña un cuñado que "é campión de non sei que da caza". Así, tal cal. Que se chamaba Iker Cenzual e que o tiña eu no feisbuq. A verdade é que o nome érame coñecido (un inciso para comentar que non coñezo ben a todas as amizades feisbuqueiras), pero nin idea de a que se dedicaba nin tan sequera que era (acepto as amizades e non adoito fochicar nas súas vidas, así de simple). Non me quedou outra que botar man da mensaxaría interna do feisbuq para poñerme en contacto con el.

Cando lle comentei a idea desta reportaxe, o homiño, moi amablemente, axiña me mandou algo máis dun folio no que me falaba da súa familia e da relación que tivo e segue tendo con Baños de Molgas. Pero nada de nada relacionado con ese "non sei que da caza". Como sabedes, estas reportaxes adoitan ter un móbil, unha orixe de algo que fai o personaxe e que é digno de mención. Xa me gustaría escribir sobre todos os veciños da miña vila aínda que nunca fixeran nada, máis alá das sinxelas vidas que levamos a cabo a maioría dos seres humanos (que isto tamén ten o seu mérito, eh); pero estou por apostar que os do xornal logo me dirían aquilo de "non procede". Así é que non quedou outra que volver contactar con Iker para que me mandase algo sobre esa actividade que vai máis alá do típico cazador que se patea o monte. E fíxoo. Mandoume case outro folio máis.

Cando empecei a escribir o primeiro parágrafo, non sabía como acometer a reportaxe: se empezaba co leitmotif da mesma ou se empezaba coa súa vida. No segundo parágrafo xa me decidín: que lle faría caso ós seus folios, é dicir, que se o primeiro falaba del e de Baños de Molgas, pois empezariamos por aquí e, despois, xa chegarían os seus campionatos de caza.

Iker Cenzual Delgado (aquí, aquí no Delgado está o noso parentesco) naceu en Éibar (entre Éibar e Ermua non sei se non se atopará medio Baños de Molgas) hai 41 anos, pero é fillo da Jovita e neto de Pío Delgado Ferreiro. Casou hai oito anos e ten unha nena de cinco. O parentesco con Alberto Ferreiro, o campión de squash, débese a súa irmá, que casou con este último, é dicir, que son cuñados.

Iker séntese cazador desde que acompañaba con 15 anos ó seu pai e practicamente todos os días, ó mesmo tempo que se viu agasallado cun can "de perdices". Debeulle gustar tanto que xa se dedicou tamén por enteiro a ser propietario de cans de mostras. O de gustarlle a caza poida que lle veña polo pai, pero o monte seica o fascinou desde que daba paseos co seu avó Pío. E fálame dos encontros que tiña con certos veciños "vaqueiros" cos que se encontraban polo Medo e Pinouzos. Déixase caer por Baños de Molgas cada vez que pode e presume de que é bastante a miúdo.

A súa afección pola caza (e xa pasamos ó segundo folio, á orixe da reportaxe) levouno a participar en concursos na modalidade de San Huberto no 2010. Modalidade na que se trata de promover e valorar o espírito deportivo do cazador, as cualidades naturais e o adestramento do can. A proba desenvólvese en terreos naturais e onde o cazador, co seu can, intentan dar coas perdices nun tempo de 20 minutos. Poden utilizar catro cartuchos e unicamente poden abater dúas pezas das consideradas puntuables. Dous xuíces acompañan ó cazador e ó can mentres os puntúan ata un máximo de 100 puntos.

Iker Cenzual, nese 2010, xa ganou en Valladolid o concurso para cans menores de dous anos. E a partir de aí participou xa en todos os concursos habidos e por haber, tanto provinciais, autonómicos e nacionais. No 2011 ganou a copa de Navarra, o aberto de Valdorba (concello de Leoz, Navarra) e a copa confederación de Pontevedra de cans de parada. No 2012 o provincial de Ourense e repetiu a copa Navarra. No 2013 copa de Guipúscoa de San Huberto, o provincial de Guipúscoa de cans de mostra e o tan ansiado campionato de Euskadi da modalidade de San Huberto. Hai máis campionatos, así coma segundos e terceiros postos, pero o espazo non dá para máis. Resulta que o "non sei que da caza" converteuse en toda unha restra de campionatos polo noso país.
Rivas Delgado, Antonio
Rivas Delgado, Antonio


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PROMOCIÓN
PUBLICACIONES
Publicaciones
Publicaciones Amencer
Revista Egap
Obradoiro de Artesania