Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Moncho do Pío, en Chantada

lunes, 18 de diciembre de 2017
Moncho do Po, en Chantada É unha ledicia e unha honra estar aquí, hoxe, recibindo o voso premio MONCHO DO PÍO na XV edición, que me vincula a vós e a esta terra, tan senlleira por historia e xeografía, esforzo e forza, por singularidade lexendaria dunha terra e das súas xentes.

Eu procedo da Terra Cha, son chairego, da terra que Manuel María definiu indicando que “é plana /e non hai xeito de medila dunha ollada”; unha terra onde o sol non cristaliza en uva produtora de viño, onde os ríos non coñecen fronteiras nin ribeiras agrestes, onde para remansar as augas faría falla a intervención divina –como quere a lenda que ocorrise na Lagoa de Cospeito-, ou un cataclismo para erguer murallas que puidesen rachar espazos abertos.

Por ese contraste total entre a miña Chaira manuelmariana (que se fixo gran poeta no Monte Forte destas ribeiras) de “mil arbres, monte raso, un ceo chumbo e tráxico onde andan as aves a voar” entendo natural o meu asombro diante da vosa especial xeografía, que empecei a descubrir paso a paso no verán de 1975 cando Merce e máis eu camiñamos o románico de Pantón, subindo a Pombeiro ou baixando a San Estevo de Atán, circulando nun 600 e camiñando congostras que recordo con especial agrado pero non ouso a recordarllo á miña muller que fixo o mesmo traballoso percorrido cun embarazo de seis meses.

A comezo dos noventa vin pregoar a Feira do Viño en Chantada. Se fará tempo desto que ainda Manolo non era Alcalde chantadino, pero xa tiña presencia e peso, na política e sociedade desta terra, que da noite para a mañán non se consegue enerxía abonda para camiñar nunha soedade multitudinaria para gobernar a súa patria pequena, esa que un leva sempre no corazón.

Cando viaxamos polos países nórdicos, e penetramos nos inmensos fiordos, non atopei éntreles e os ríos remansados da Sacra Ribeira máis diferencia ca a temperatura, que alí era xélida e aquí garimosa semp1re. E cando tomamos catamarán en Doade para percorrer ruta xa coñecida doutras veces, pero nesta ocasión recente en expedici1ón colectiva con toda a familia, puiden revalidar aquela sensación, e comprobar que temos-tedes un paraíso, unha “ribeiropotamia” tan singular, que ben podería escoitarse a Novoneyra coas súas verbas sobre o Caurel – “Aquí sábese ben o pouco que é un home”- senón fose porque esas alturas, esas augas, ese ceo lonxe no alto, son os que proxectan o valor dos humanos; os que nos dan a medida das xentes deste país, que suben como dixo Góngora “cuestas que llegan a la ardiente esfera”.

Estamos nunha adega senlleira, con muros testigos de vida desde hai máis de cincocentos anos, pedras que absorben esencias do que se esvaece na lenda, tendo como fío conductor un viño que é sagro aínda sen consagrar, porque a terra garda memoria que as xentes perdemos, e o viño que colleitades percibe do máis fondo a memoria multisecular de todo o que a natureza contemplou ata que chegaramos as xentes de comezos do século XXI.

Pero teño xa que concretar e darvos as grazas por acollernos aquí, agasallarnos como xentes da casa, premiarme por un artigo que non é máis ca un suspiro de admiración polo que sodes, polo que representades, e polo que facedes.

O voso premio que hoxe se me entrega é garimoso desde o comezo, empezando polo nome – MONCHO DO PÍO- un home do país, traballador, imaxinativo,
entregado, que creou escola, que deixou marcado territorio sentimental, sendo exemplo no que mirarse para aprender, para sentir, para saber… para vivir.

Tedes premiado xente especial, que se entrega aos máis diversos mesteres, especialmente á comunicación, como Germán López Quiroga ou Alfonso Riveiro, David Vázquez ou Antón Grande… pero non podendo abrir o abano dos premiados quédome cos dous últimos, exemplos senlleiros de fervor galego e intelixencia creadora. O 2016, O Carrabouxo, filósofo que debuxa espectaculares imaxes que iluminan as intelixencias; cada debuxo do Carrabouxo, é un editorial, unha reportaxe, unha proclama, unha lección maxistral. E en 2015, Xosé Mouriño Cuba, coma min chairego, apóstolo dos produtos do país, un dos país deste moderno rexurdir da Ribeira Sacra, desta explosión artística, mediática e social que encontra canle para seguir medrando nun Consello Regulador da Denominación de Orixe que cumpre o seu primeiro cuarto de século.

E premiades con arte e con viño, que teñen tantos puntos en común que poden (e deben poder) confundirse. Viño froito do suor humano, e arte que atopa canle expresivo en Xosé Randolfe Vilariño, ao que Rodrígurez Porto ten chamado “poeta da pintura”, que “pon a alma en cada cadro” e “da vida propia a cada un dos seus lenzos”.

Desde o seu fermoso Carballedo natal, dominou o esmalte, plantou unha pica no mesmo Limoges, deixouse impactar por París e abraiar por Florencia, abrindo este século con “Olladas” pictóricas que percorreron todas as capitais galegas.

Non pode haber nada máis rotundo na terra da viticultura heróica ca un premio chantadino con nome de persoa exemplar, dotado co froito da “vide e do traballo dos homes”, enmarcado nun lenzo que destila “resonancias raciais e musicalidade”.

Grazas por acoller á miña familia e a min en casa tan fermosa e simbólica, en tan agradable compaña; grazas pola demostrada amizade; e grazas, por riba, por premiarnos –que o que eu fago ou recibo é de todos os meus- co Premio Moncho do Pío. Grazas sempre, dende o mais fondo do corazón.

(Palabras de Xulio Xiz ao recibir o XV Premio Moncho do Pío, na bodega deste nome en Líncora-Chantada).
Xiz, Xulio
Xiz, Xulio


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES