Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Retorno e compromiso

sábado, 16 de diciembre de 2017
Póñome a escribir logo de acabar de presenciar a presentacion de ducia e media de proxectos de futuro deseñados fundamentalmente por xentes novas das Terras de Celanova, así como da Alta e da Baixa Limia.

Proxectos que pretenden abordar iniciativas de emprego no ámbito do comercio local, do turismo, do ámbito social e mesmo das tecnoloxías do futuro que son presente xa hoxe en día.

Proxectos que chegarán a porto e volverán partir para bogar cara novos horizontes e outros que por desgracia naufragarán no camiño. A realidade non é só romanticismo e entorno non se alimenta só con bucólico romanticismo se non a miúdo tendo que pisar -ou mesmo que engulir- uns cantos sapos polo camiño.

Pero proxectos, en todo caso, que levan por diante, como común bandeirín de enganche, un firme compromiso. O compromiso de querer vivir, por riba de tódolos condicionantes e facendo caso omiso a tódolos agoreiros, -repito-, o compromiso de querer vivir nun tempo e nunha terra. É dicir, hoxe e en Galicia.

E estes proxectos contempleinos, logo de ter podido compartir tamén, durante dous días, tempo e conversas con outra ducia e media de galegos, algún dos cales abordaron a súa travesía con tan só once anos e hoxe superan a liña dos sesenta falando galego como se xamais saíran do seu fogar petrucio.

Emigrantes doutrora "versus" residentes de hoxe en día. Velaí o reto desa historia cíclica -pero a veces recíproca- que fai que mentres no século XIX e practicamente todo o século XX, abandonar a terra para procurar futuro noutros horizontes era o verdadeiramente revolucionario, nestes intres o revolucionario é, precisamente o contrario. Ou sexa, tomar a decisión de facer as "américas" pero dende a propia casa, por máis que tódolos índices socioeconómicos apunten cara a boca negra dun túnel, que ó final só existe na nosa imaxinación e que só será realidade se nos deixamos vencer por ela.

Neste medio. É dicir, entre os emigrantes daquela e os novos emprendedores de agora, escoiteille ó presidente da Xunta dicir que un dos tres grandes retos ó que se enfronta a Galicia actual é o de promover o retorno. Pero non só o retorno dos xubilados que logo de terren asentado raíces noutros predios deste ou do outro lado do Atlántico, agora desexan volver para o berce nutricio -que tamén-, senón o retorno dos galegos de segunda e terceira xeración, con plena capacidade de xeración de riqueza, que poden contribuír a reordenar a pirámide de poboación e ó mesmo tempo axudar a engraxar a máquina da economía que nos saque do ludroso pozo do marasmo co que convivimos día a dia.

Velaí os grandes conceptos que nos deben servir de guía: Compromiso e retorno. Retorno e compromiso. Dúas caras dunha mesma moeda que hoxe son grau e mañá serán pan se son quen de levedar e transformar a lume de cortizo o multitudinario pensamento unívoco nun só concepto colectivo.
Piñeiro, Antonio
Piñeiro, Antonio


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES