Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Os latexos poéticos de Ana Vila Portomeñe

lunes, 18 de diciembre de 2017
A labregancia e a ruralidade aínda continúan aportando materia lírica sobre as certezas que na poesía confirman os nosos poetas. Aqueles que viven e se realizan no miolo das esencias mais puras da nosa cultura, a que deu definición a esta Galiza que pasa por tantos atrancos e que non cede ao que aspiran moitos: a súa desaparición. Os nosos poetas rurais, como é o caso de Ana Vila Portomeñe (A Vila, Meixonfrío de Taboada, 1969), en seu diálogo con todas as particularidades da terra que fala por nós, sabe moi ben a nosa poeta que o noso microcosmos labrego concedeulle esa dotación particular de conmemorar na palabra galega, a sobriedade da terra e da paisaxe, nutrindo de múltiples sensacións a esta poeta que tece e harmoniza, no bo facer desta nova primicia que nos ofrenda no seu poemario: “Latexos dunha labrega”(2017), edición da autora. Con noventa poemas que conforman este volume de cento quince páxinas. O titulo non deixa de ser elocuente en súa afirmación de labrega e con latexos que Ana Vila ordena e manifesta con contundencia. En poesía non importan as formas, interesa a mensaxe dese diálogo coas cousas que a rodean e que emiten o impacto sorpresa que esta poeta dosifica en diversos temarios.

Estamos ante un poemario existencialista, tamén humanista, como non podía ser doutro xeito. Porque a materia labrega ábrelle sentimentos a unha poeta que está ante a presencia de tantas circunstancias e agravios que ela mesma revela sobre o seu entorno matricial. Ana Vila, orgullosa de ser labrega e gandeira nunha terra onde boa parte da cidadanía está en fuga cara outros espazos urbanos nos que busca sustento. Este libro nútrese de manifestacións e crónicas que revelan que a nosa poeta é unha resistente e trata de abrir sendas que nos leven ao centro desa devoción pola nosa Terra. Dicir Terra (en maiúscula) equivale a dicir Matria. Velaquí como os maternais latexos que se amplían en tantas solidariedades, como nos confirma no primeiro poema introdutorio:

“Os sorrisos da amizade
con portas xamais cerradas,
e apertas de lealdade
no fogar das palabras,
son latexos dunha labrega
saíndo do corazón da terra,
con estas letras sinxelas
que escribo desde a aldea”.

Ante estes versos de autoconfirmación xurde a alegación incondicional de pertenza á pretérita dinastía labrega, onde se concentran as emocións, as lealdades e as certezas das palabras labregas, a sinxeleza de asumir a realidade para agrandar as cousas nobres que reafirman residencia de todo o que na nosa Terra recende a albores e en nós latexa. Estes latexos relatan as experiencias e as preocupacións do colectivo de mulleres labregas manifestados por Ana Vila, a poeta que non nos fai entrar nun xogo de palabras e de ideas, soamente confirma realidades de amor, ledicia e, tamén, de angurias e sufrimentos. Por tanto, estamos ante un libro de poemas iniciáticos, no que se contempla a vida integral e vital do universo labrego na Galiza, na que Ana está mergullada nunha ampla temática de grandezas e deficiencias que ofrece o noso medio rural e transvásase á súa poesía.

A pesar de que Ana Vila non é unha poeta estritamente rosaliana, mais conxuga aquela temática que a nosa poeta nacional configurou e alentou. Con razón dixo o poeta Luis Cernuda: “Excusemos las demasiadas alusiones al sufrimiento en gracia a que la autora [Rosalía] se hace así eco de una poesía, en la cual las experiencias humanas ajenas tienen una parte, o más, que las propias del poeta”. O perfil de identificación coa defensa e denuncia sobre experiencias humanas que Rosalía visualizou, concordan coas que Ana Vila expón e é fiel testemuña dese existencialismo social, por non dicir tráxico.

Neste dirección, apuntemos catro destinguidas referencias. A primeira delas alude ao noso idioma: pulmón de tódolos respiros das esencias identitarias da Galiza:

“Miña lingua galeguiña,
a túa alma infinita
fai fogar, fai valentía
alén da fermosa Galicia”.


Tamén aflora o verso social e defensivo en favor dos traballadores asalariados, meténdonos en matices da loita de clases, como podemos ver no poema, “Non despreces”:

“A quen traballa de sol a sol
non lle despreces o suor,
respétao e dálle moito valor,
pois sen eles non hai cor”.


Ana Vila é unha poeta de estímulos e frecuencias humanas, que van alén de simples economicismos. Ana é unha labrega que reflexiona e escribe poemas sobre o seu medio taboadense e non só, que o naturaliza en varios apartados. Ana é gandeira e sorprenden eses homenaxes que fai á vaca, como sustento económico e compañeira de duros traballos campesiños. No poema, “A vaca”, subliña:

“Para algúns só es vaca
para outros sagrada.

Na terra galega
eres alma labrega”.


No poema, “A vaca galega”, expón:

“Esa vaca desperta
de paisaxes ledas
vai facendo casa
de comida chea
xunguida ás estrela.

Rubia, pinta ou cachena,
moreniña ou pasiega,
cada unha á súa maneira,
ningunha como a galega”.


A defensa do propio, da orixinalidade e da autenticidade é un don que recóbrase na poética de Ana Vila, sen dúbida. Ela tamén posiciónanos en gardar a tradición e os bos usos da inventiva dos antigos oficios e gremios desa Galiza rural, hoxe en disxuntiva. O reclamo e o cántico que nos ofrenda Ana Vila Portomeñe, sobre as cousas de utilidade que deixamos perder e, até ignorar, teñen soberana contundencia no poema, “Traballos de antes”. Este fermoso cántico de lembrar o esquecido e perdido, lévanos ao verso de Antonio Machado: “Se canta a lo que se pierde”. Rematamos, pois, co referido poema de testemuña presencial e nunca de despedida fúnebre polo que deixamos perder.

“Xastres, zoqueiros
afiadores e paragüeiros,
labregos e cristaleiros,
danzantes e gaiteiros,
teareiros, muiñeiros,
segadores e carpinteiros,
capadores, panadeiros,
mesoneiros e canteiros,
criados, regueifeiros,
carroceiros e cesteiros,
barbeiros, fiadeiros,
e tantos baixo sombreiros.

Moitos mais que laboreo
son os traballos de antes,
que siguen sendo verdadeiros
a pesares de ir esquencendo
por os traballos de agora
que son máis de diñeiros
pero pouco duradeiros
e non teñen arrecendo.
García, Xosé Lois
García, Xosé Lois


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
Deputación de Ourense
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PROMOCIÓN
PUBLICACIONES
Publicaciones
Publicaciones Amencer
Revista Egap
Obradoiro de Artesania