Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Maquinarias Teatro e Roger de Flor

viernes, 15 de diciembre de 2017
Testemuñas da Memoria
Maquinarias Teatro e Roger de Flor

Hoxe en día calquera que faga algo sobre Bob Dylan pode apandar co sambenito de que é porque lle concederon o Premio Nobel de Literatura. Claro que o que pense iso é porque non ten dous dedos de fronte; pois Bob Dylan non precisa do Nobel nin de ningún outro premio para sentarse “a la derecha de Dios Padre”. Maquinarias Teatro e Roger de Flor non pensaron para nada no gran premio da academia sueca cando versionaron cancións e poemas de Dylan no seu espectáculo "Ela e Dylan: Flores solitarias". Porque moito antes do Nobel, Helga Méndez, ou o que é o mesmo, Maquinarias Teatro xa tiña en curso a maioría das versións do espectáculo. Certo que tamén versionou algunha logo de acadar o premio, pero foron as menos; a maiores de que as cancións, os poemas xa estaban aí, escritos, por ese xenio moito antes de que ninguén soñara con darlle o gran premio universal da Literatura.
Maquinarias Teatro e Roger de Flor
O citado espectáculo presentárono o venres, 26 de maio, na Casa da Cultura Manuel María de Barbadás. Cunha posta en escena sinxela e unha guitarra, unha harmónica, unhas cantas cartas de correo e dous actores cheos de sentimento foron suficientes para ofrecernos un auténtico evento poético e concerto acústico fío temático da muller nas letras e na música dese compositor eterno. Letras e textos de Dylan mesturados con cancións cantadas a unha ou dúas voces, algunhas incluso tan só recitadas. Con este último xeito, o intimismo, a señardade, a nostalxia aboiaba polo patio de butacas, axudado, claro está, por ese son da guitarra e da harmónica. En algúns temas emerxía de tal maneira a emoción na parella protagonista e nos oíntes que moi ben se pode dicir que alí estaban a espallarse ó vento algo máis que uns poemas de todo un Bob Dylan. Algo teñen que dicir os sentimentos de Helga e Roger para que nos emocionen unhas versións (repito, versións) que eran cantadas ou recitadas en galego (repito, en galego). Quen non soña, entón, ante os inmensos poemas dylanianos que, para xúbilo do que escribe, eran recitados ou cantados na nosa lingua. Repito, en galego.

Se digo Maquinarias Teatro digo Helga Méndez García. Se digo Helga Méndez García digo Maquinarias Teatro. Xa de nena o que quería era bailar, pero tamén lle gustaba cantar e debuxar, así como ler todo o que caía nas súas mans. No instituto coñeceu a unha profesora que axiña descubriu as ansiedades da rapaza e fíxolle o mellor agasallo da súa vida: enriba dunha táboas descubriulle a súa vocación teatral. E foi a partir de aí, nos anos 80, cando se dedica a estudar cursiños de teatro e a participar en todas cantas formacións de teatro xorden pola súa comarca, pola Ferrolterra.

Cursa no Taller de Teatro Municipal de Ferrol e no de Narón nos primeiros anos da década dos 90, coa actriz e autora teatral Fusa Guillén, coa que colabora e traballa desde entón. Tamén é nesa época cando empeza cos seus primeiros contratos profesionais coa compañía coruñesa Títeres Falcatrúa co espectáculo para adultos “Caleidoscopio”.

Helga Méndez empeza pouco a pouco a dirixir a grupos de teatro para diversas entidades culturais, centros de ensino e administracións públicas de Ferrol e da contorna. Traballa e colabora xa con varias compañías teatrais e métese de cheo en diversas producións, relacionadas todas elas, por suposto, coa cultura. Aproveita tamén a súa afección polos libros na década do 2000 para contarlle contos ós nenos e animaloos á lectura e á escritura. É por eses tempos cando decide darlle nacemento a Maquinarias Teatro, para traballar cos seus propios proxectos en pezas de pequeno formato, microteatro e narración oral. A partir do 2011 proba como vocalista para versionar a Bob Dylan e Neil Young. Muller polifacética ou versátil onde as haxa.

Outro que non para é Roger de Flor que, logo de participar nunha infinidade de proxectos na súa carreira, empeza a súa andaina en solitario a principios de 2007 coa presentación da súa primeira maqueta “Cancións de amor e retranca”. Con este traballo percorreu practicamente toda Galicia e mentres se tomou un respiro (é un dicir), gravou varios vídeo clips e o disco “Naturalidade silvestre”, no que mestura varios xéneros cun toque persoal e humorístico.

Ó longo do ano 2010 levou a cabo a xira de presentación do documental que protagoniza: “Roger de Flor: Naturalidade silvestre”, xunto a outros artistas do panorama musical galego. Por certo, con esta xira participou no noso Festival Internacional de Cine de Ourense e tamén no de Cans. No xuño do 2010 presenta o seu terceiro traballo: “O mundo está tolo, tolo, tolo”, con doce cancións e dous vídeos promocionais. Tres anos máis tarde saca o seu primeiro disco de longa duración coa banda Os Silvestres. E pasan outros tres anos máis para sacar “Apelón”, a maiores de colaborar con outros proxectos, principalmente a musicalización de poemas de William Blake e dos culpables desta reportaxe, os citados de Bob Dylan.
Rivas Delgado, Antonio
Rivas Delgado, Antonio


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES