Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Polas neves do tempo

miércoles, 13 de diciembre de 2017
"Volver con la frente marchita. Las nieves del tiempo platearon mi sien." É curioso como o sentimento de saudade ou morriña muda segundo as culturas pero, ao mesmo tempo, pódese comprender e compartir nesa capacidade humana imprescindible que é a empatía. A pesar do tango marabilloso de Gardel non fai falla emigrar para experimentar saudades, morriñas ou nostalxias: chega con que o tempo pase a súa rodeira implacable para que neve en nós (e vaia se neva!).

A pesares desto a vida é xenerosa e vainos deixando refuxios que deteñen o tempo nas esencias do que fomos. Ás veces estes refuxios fan tanta falla como a auga de maio pero un non se dá conta ata que chega onde ten que chegar e con quen ten que chegar. Así foi como o pasado 5 de decembro acabei na foliada da Repichoca (na Coruña). De súpeto atopeime nos meus mellores tempos: cando as responsabilidades non eran preocupacións, cando o futuro era inmenso e todo problema ou conflito social nos incumbía, cando as tardes eran utopía e as noites ilusións e, sobre todo, cando aprendiamos de todo e de todos facendo de cada bar unha prolongación da facultade en debates sen fin.

A Repichoca, O Patachín e, sobre todo, "La Subidita" (xa desaparecida) foron as nosas ágoras particulares de coñecemento. Alí, entre riso e emocións aprendín de autoaceptación, de solidariedade e interdependencia. Alí bebín a práctica do que despois ía estudar para ser (persoal e profesionalmente) o que hoxe son.

Nevou, pasou o tempo e mudou a vida. Neste mudar eclipsouse esta xeración
que tecía aquel ambiente para anovar o espírito. Un pregúntase onde están e vai comprendendo que o espazo xa é doutra xeración pero, ao mesmo tempo, sabe que un espazo fórxase, faise diverso e que a diversidade só é incompatible coa incompatibilidade...

Así, fórxase o milagre dunha noite que te devolve á autenticidade da túa orixe a través dunha foliada na que os pés se moven solos entre doces gaitas.

Pasodobre, vals ou rumba que te ergue en corpo e alma para moverte con ledicias de liberdade. Grolo a grolo séntaste para bailar co corazón muiñeira e polca. Entón a noite xa é única, repetible e sentes como, pouco a pouco, tece en ti o reencontro íntimo con todo o que nunca deixaches de ser (a pesares de que sexan neves de pasado ás que o realismo fai bailar un tango de Gardel).

Agora "ben sei dun abriguiño onde me hei de ir abrigare"...
Santalla, Iago
Santalla, Iago


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES