Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Desfacendo atrancos

lunes, 11 de diciembre de 2017
Os profetas do Antigo Testamento eran renovadores das tradicións e da fe do pobo. Xurdían sobre todo en tempos de crise política e moral. Xoán Bautista foi un deles. A pesar da súa humildade, sobre todo en relación co papel que lle estaba reservado a Xesús, o Bautista foi, como se nos di que proclamou Xesús sobre el, o máis grande dos nados de muller.

Nunca debemos esquecer que tanto os profetas como calquera que, en todo tempo ou lugar, proclame a necesidade de practicar o ben ou que simplemente faga el mesmo o ben e se comporte como cómpre na súa vida, todos eles, están a ser movidos polo espírito de Deus. Deus actúa sempre no mundo por medio dunha ou doutra persoa. E todos deberiamos aguzar oído, vista e corazón para escoitar, albiscar ou sentir os sinais que de Deus, dunha ou doutra maneira, nos chegan a nós por medio de tantas persoas boas. Porque Él é sempre o misterioso creador e sorprendente impulsor de todo ben que ocorre na terra, e moitas veces de maneira insospeitada e inesperada para nós.

Hai xa anos que son coñecidas polos técnicos e mais pola xente (polo menos de oír de falar delas) unhas que chaman tuneladoras que realizan un traballo moi complexo, furando debaixo da terra para construíren con rapidez e comodidade grandes obras, como vías para trens, etc. Hai xa algúns anos furaron tamén aquí, nas proximidades de Vigo, para o AVE dúas destas tuneladoras que coido lembrar que levaban nomes de dous candorosos animaliños: a unha chamábanlle “Miñoca” e á outra “Lebre”.

Pois ben, o Bautista era, na dimensión social e relixiosa, algo así como unha especie de tuneladora, un proclamador e facedor de grandes obras, no caso del obras morais. Viña sendo como un animador do comportamento moral das persoas para que o Deus que estaba e está sempre a vir non se atopase con tantos atrancos no súa vinda onda nós. O Bautista intentou, de maneira semellante ó que hoxe en día fan os enxeñeiros e obreiros por medio desas grandes máquinas, achanzar o camiño moral para que, en definitiva, as persoas e os pobos puidesen vivir en paz e xustiza, unidos e irmandados entre si.

O Advento é, como ben sabemos, un tempo dedicado a preparármonos para a vinda, a chegada de Deus onda nós. A vinda dun Deus, que naturalmente está desde sempre xa onda nós, mais que quere facerse cada vez máis activo e presente en todos e cada un de nós. Deus non forza a ninguén a entrar no seu Reino, mais non deixa por iso de nos convidar a cotío a un encontro cada vez máis estreito con el.

Cada un de nós poderemos saber, ou polo menos sospeitar, que tipo de atrancos lle poñemos de feito a Deus para que el poida facerse verdadeiramente presente nas nosas vidas, no noso comportamento.

En calquera caso, non deberiamos enganarnos. O encontro paternal e filial de Deus connosco, que se realiza en Xesús, non chegará a se facer realidade verdadeira mentres non saibamos encontrármonos fraternalmente coas persoas coas que nos atopemos na vida.

Por iso o “preparade o camiño do Señor, endereitade os seus vieiros” do Bautista vén coincidir de feito co esforzo particular e comunitario que deberiamos practicar por derrubar barreiras e valados que entorpezan o camiñar das persoas e dos pobos cara á súa liberdade, cara ó seu desenvolvemento, xeral e particular, nos eidos cultural, social ou relixioso. Pois Deus só pode vir onda nós e atoparse a gusto connosco cando vaiamos construíndo, el connosco e nós con el, un mundo onde haxa xustiza, paz e entendemento mutuo. Porque, tal como nos di o apóstolo Pedro, na Segunda Lectura, “nós, conforme á súa promesa (é dicir, conforme á promesa de Deus), esperamos un ceo novo e unha terra nova, onde exista a xustiza”.

Cara aí ha de camiñar o noso esforzo, individual e social. Cara a ese novo ceo e nova terra, que rexeitará como vello todo o anterior, mais que certamente terá o seu asento na xustiza, no amor e na igualdade ou fraternidade.

Gloriámonos moito e con razón da cantidade de adiantos técnicos que podemos advertir e admirar durante os poucos anos de vida que podemos vivir. Do mesmo xeito, deberiamos tamén desexar que os nosos adiantos morais, que tanta relevancia teñen para a felicidade das persoas e dos pobos, non tivesen un ritmo inferior.

O Bautista chamaba seguramente a atención dos seus contemporáneos vivindo no deserto, vestindo e comendo pobremente. Por iso viña tanta xente onda el. Nin ía campado con roupa de marca, nin podía convidar a ninguén a beber con el un viñiño dunha selecta denominación de orixe. Para vivir éralle abondo, como nos comenta o texto de Marcos, con manterse “de saltóns e mel bravo”.

Mais non o dubidemos. O Bautista sentíase seguramente feliz no seu papel de precursor do Señor, na súa tarefa de anunciar e proclamar o ben, a xustiza e o arrepentimento polos malos comportamentos. El sabía que as velas da súa barca estaban ben inchadas polo vento do Espírito de Deus e aturaba así con paciencia e bo ánimo calquera contratempo que puidese xurdir. O importante para el era saber que o vento de Deus era o que movía e impulsaba a súa vida ó servizo do que ía vir: do Mesías de Deus, do Deus feito home que se convertería desde entón e para sempre en irmán maior noso, de tódolos homes e mulleres da humanidade de tódolos tempos.

Traballemos, pois, todos conxuntamente para que os proxectos de Deus se vaian facendo realidade, cada vez máis ampla e intensa, no noso mundo.
Cabada Castro, Manuel
Cabada Castro, Manuel


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES