Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Chus Castro González, saloucos de amor e berros de impotencia

viernes, 08 de diciembre de 2017
Testemuñas da memoria
Chus Castro González, saloucos de amor e berros de impotencia

Xa teño dito máis dunha vez que os que presumimos un chisco de escritores, iniciamos tal andaina coa poesía, xeralmente, porque, de rapaces, namóraste aínda que só sexa dunha folla de loureiro e, claro, tes que deixar aboiar os sentimentos. Logo, ó facerse un pouco a pouco home (é un dicir), os teus sentimentos, os teus gustos literarios adoitan ir por outros carreiros. Pero hai xente que non, hai escritores que dálle que tumba á poesía. É o caso de Chus Castro, o autor do que nos imos ocupar hoxe neste Testemuñas.

Chus Castro é un home adulto, un adulto de 60 anos que, non obstante, segue escribindo poesía e, ollo ó dato, versos cheos de amor, como se aínda hoxe fose un colexial de 14 anos. Certo, xa o dicía aquel: o amor non ten idade. Os versos de amor presentounos hai pouco máis dun mes na libraría Eixo de Ourense. Cos de amor ían tamén versos de protesta, ou o que é o mesmo, berros de impotencia. Uns e outros meteunos nun saco ó que pechou co título “Suspiros y gritos”. Este título xa o di todo.

Empezar empezamos esta reportaxe cos poemas amorosos, pero Chus Castro, na súa presentación ante un bo número de oíntes, espallouse moito máis falando dos berros, da rabia, quizais porque esta, cando nos sae de dentro, adoita facelo con forza, a cachón e a gran velocidade. (Pequena paréntese para dicir que coñezo a xente que, por problemas ó mellor físicos, de saúde, cústalle moito falar con claridade, pero cando se cabrean, ai Deus!, sáelles todo clariño e sen erros. A carraxe, a xenreira é mala e sabemos que todos en algún momento temos esa mala hostia que cuspimos de cando en vez ou moi a miúdo)

Feita a paréntese, sigo. Digo que empezou a falar dos gritos, dos berros porque é dos que pensa que o mundo é cada vez máis inxusto (e tanto!), que incluso estamos tocando fondo. Falou dos nenos que están fabricando as zapatillas de Nike ou deses nenos obrigados a matar ós seus propios familiares. Non queda outra que confesar que están matando a súa infancia neste mundo cheo de sen sentidos. Di que o mar é un cemiterio de xente que se arrisca a buscar un novo mundo, de xente que vive con esperanza pero que axiña se afoga nese mar que os traga. Falou dos desprazados, dos que cruzan as fronteiras porque os bombardean e deses aramados que choran sangue. Hai que recoñecer que esta expresión arrabuña, furga un pouco nas entrañas, nas conciencias.

Chus Castro pensa que a sociedade está durmida e confesou algo que eu tamén hai moito tempo que veño denunciando: que o sistema no que vivimos actualmente aínda é máis perigoso có do Paquiño Franco, e iso que seica tivo que bater cos pés no cu acosado polos grises; pero, si, naqueles tempos sabías o que había e ías con tino, con moito tino. E hoxe, que pensas que vives nunha democracia e que podes dicir o que realmente sentes, á hora da verdade, zas, córtanche as ás nun airiño, nun credo.

“Suspiros y gritos” deixa escapar saloucos de amor e tamén berra por un mundo máis xusto e solidario. Son poemas que escribiu desde rapaz e que, chegada a xubilación, dixo que xa era hora de que viran a luz. Á parte de ver a luz, os versos ensínannos un resplandor aínda máis potente. Eles si dan luz neste mundo, por que non, bastante negro, pero no que sempre hai unha fenda, un momento para deixar caer o amor que un leva dentro. Como digo moitas veces: a vida é unha lágrima e dous sorrisos. E non hai volta de folla. A todos nos toca o negro e o branco. Co negro, Chus Castro alporízase e ó mesmo tempo, a causa disto, vólvese solidario e escribe e loita polas inxustizas que ve, que lle saen ó camiño, e sabe que son bastantes. Co branco, o autor vira cara á súa muller e as súas fillas, e confesa sen rubor que se lanzou á aventura do amor con Laura (a súa dona) precisamente en Ourense. A ver!, Ourense, aínda que está metida nun pozo (en todos os sentidos), ten o seu aquel (nas augas?, no río?, na xente?) que pode facer que lle cambie a vida a alguén.

Chus Castro González naceu en Santander no seo dunha familia obreira en 1956. Estudou coma calquera fillo de veciño e sacou as oposicións a mestre. Axiña caeu no colexio público Pablo Picasso (“un colegio de rojos”, como dixo el todo orgulloso), do que foi xefe de estudos e director. Por circunstancias, caeu nunha profunda depresión e de aí a súa “xubilación anticipada”. Logo dese “cuarto escuro” no que estivo metido, volveu ó mundo dos vivos, con ganas enormes de vivir e de seguir facendo moitas cousas, entre elas, seguir escribindo para os que estamos desexando algo seu, pero xa!
Rivas Delgado, Antonio
Rivas Delgado, Antonio


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PROMOCIÓN
PUBLICACIONES
Publicaciones
Publicaciones Amencer
Revista Egap
Obradoiro de Artesania