
O vindeiro mércores os católicos celebramos a festa do Apóstolo. Ademáis de Compostela, Santiago é patrón de España (de las Españas, di o himno), de Galicia e titular de máis de cincocentas parroquias galegas. Tamén de moitas de América.
Curiosidades. Na diocese de Lugo hai un cento de igrexas dedicadas a Santiago. Á beira dos camiños. No Francés, hai máis dedicadas a San Xoán, por mor da Orde dese nome e da Encomenda de Portomarín As de Santiago son: Triacastela; Estraxiz, Renche e Zóo, en Samos; Castelo dos Infantes, Farbán e Barbadelo, en Sarria; Laxe, en Paradela; Ligonde, en Monterroso; e as de Albá, Cabana e Lestedo, en Palas do Rei.
Son posteriores ao século X. Logo da aparición do sepulcro e a presenza de peregrinos. Para os galegos/as das vellas xeracións privaba máis a devoción aos santos avogosos en curar doenzas de persoas e animais. San Mamede, San Martiño (Dumio), Sambreixo, San Antón Abade, Santa Mariña, Santa Olaia, San Andrés de Teixido...ían por diante.
Algo do que tampouco se fala. Que, a pesar do mal que lles sentou o voto de Santiago (imposto) foi entrando na devoción popular e elixírono patrón de curiosas profesións urbanas: farmacéuticos, drogueiros, ferreiros, cereiros, tecedores, curtidores... Máis tarde tamén dos guerreiros e avogoso contra o reuma, favorecedor da maduración das mazás, peras e cereais. E mesmo para o bo tempo. ¡Que boa falla fai este ano!
Hoxe en día, a Festa, sobre todo en Compostela, ten cheiro a confusión e a botafumeiro.