Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Rusia 2002

miércoles, 06 de diciembre de 2017
O mércores pasado fixo 15 anos que cumprín 20 a bordo dun avión destino a Moscova, máis concretamente 200 km ao sur: na cidade de Tula. A viaxe distaba moito de ser pracenteira xa que iamos someternos a unha operación para a mellora (ou mantemento) da nosa calidade de vida. O doutor Ulzibat convencéranos que podía reducir a nosa espasticidade cun bisturí ao que chamaba “Fibrotón”que fora inventado por el mesmo.

O método de Ulzibat baseábase en que nós tiñamos dor de nacemento e que esa dor obrigou ao corpo, de xeito instintivo, a idear posturas para non sentila. Entón, atacando o punto de dor e posteriormente a contractura muscular, a nosa mobilidade melloraría. Houbo resultados positivos, pode que limitados si, mais positivos.

Viaxamos en grupo, aterramos en Moscovaa 20º baixo 0 e un bus levounos á cidade de Tula (200 km ao sur da capital) onde nos aloxabamos na residencia do gobernador baixo unha forte protección militar. O gobernador ficara fondamente agradecido a Ulzibat pola operación dunha filla e en compensación facíalle este préstamo. Alí todos eramos unha familia unida pola adversidade. Aquel entorno protexido era hostil a nós, non era difícil deducir pola linguaxe non verbal o que pensaban e algunha vez o tradutor díxonos que nos coñecían como “los lisiados” (o cariño era mutuo...).

Contra este ambiente fixemos nosa unha “arma cargada de futuro”: o humor. Na entrada da residencia xuntabámonos para falar desta experiencia e para contar anécdotas e chistes de todas as cores. A gargallada converteuse nunha especie de comuñón que nos confortaba e, nesa comuñón, a realidade desdramatizábase ata rirnos na mesma cara da hostilidade. Aprendemos que o riso pode con todo e que a humanidade entretecida é un escudo infalible.

Tamén hai que dicir que en pleno aeroporto rexistráronnos de riba abaixo. A min mesmo me obrigaron a botar o corpo para diante para meterme a man ata o fondo da cadeira de rodas (unha experiencia moi completa...).

Non esquezo que cadrei con Amancio Prada, que me firmou un autógrafo: “Para Iago, en Rusia para mejorar 29/11/2002” pero, sobre todo non esquezo que naquela Tula xélida, hostil e solidaria ao mesmo tempo, tiven o único soño que fixen realidade ao 100%. Soñei cunha utopía e volvín de súpeto á terra, comín queixo e botei unha carreira polos prados de Pambre ata o muíño para beber auga doce do Ulla. Soñei cun rostro que, 7 anos despois, abriume as portas da vida: “O ilímite de pensarte libre”...
Santalla, Iago
Santalla, Iago


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES