Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Un futuro sen pasado?

sábado, 02 de diciembre de 2017
Non son eu moi de me meter entre o ensarillado orgánico dos partidos políticos -aínda que algunhas veces o teña feito- porque considero que a súa presenza na sociedade está sobre representada e no tocante ás cousas de portas para dentro non deberían teren máis reparo por parte da opinión pública en xeral ca, por exemplo, pode ter a actividade dun colexio profesional, dunha asociación cultural ou dunha fundación benéfica, que se cadra -en Ourense temos casos- contan con máis representación laboral cós partidos políticos con militantes.

Desta volta, sen embargo, vou facer unha excepción, ó fío dunha entrevista que acabo de ler da candidata á secretaría xeral do PSOE de Ourense, porque nela reclamaron a miña atención algunha das súas respostas, que me levan a facer unha reflexión de soslaio.

Mentres se deixa fotografar a carón do monumento que o fundador do PSOE ten instalado dende hai anos no remate da avenida que leva o seu nome, nas Lagoas, a candidata a secretaria e parlamentaria actual por Ourense, achega como mérito principal para ser elixida polos seus correlixionarios, o feito de que os seus competidores ó posto -catro, se non estou mal informado- "teñen unha visión anclada ó pasado", fronte a ela, que dis que quere "mirar ó futuro e modernizar a organización".

En coherencia co que escribín ó principio, evidentemente non son eu quen de analizar os merecementos da candidata, que estou seguro que os atesoura dabondo e que, como ela mesmo di, pódenlle achegar "un soplo de aire fresco" á organización.

Sen embargo, tanto o que di -e que acabo de reproducir-, coma o que non di –nalgunhas das respostas ó entrevistador- respecto de como modernizar a formación, lévame a min a unha reflexión xenérica, que paso a reproducir en forma de pregunta. Será posible -pregunto- asentar algún proxecto -xa sexa cultural, social ou político- de futuro sen ter en conta o pasado que fixo chegar tal proxecto ata o presente?

Sinceramente, e que me desculpe a candidata, eu creo que non. Que só con aire fresco non chega. Entre outras moitas cousas, porque do pasado -mellor dito, dos erros do pasado- tamén se aprende. E moito. Sobre todo, para evitar cometelos noutra volta.

É certo que, a nada que un faga memoria superficial dos últimos 25 anos do periplo vital do PSOE de Ourense, a primeira conclusión á que un chega é o milagre que supón que aínda siga en pé, pois dubido moito que calquera outra formación carente das profundas raíces coas que conta esta formación e que se perden no tempo, fora quen de sobrevivir a tanto devalo. Senón que llelo pregunten a Coalición Galega.

Pero, precisamente por iso me dá que vai precisar de algo máis ca dun "sopro de aire fresco" para facerlle remontar o voo a tan pesada como necesaria nave nodriza.
Piñeiro, Antonio
Piñeiro, Antonio


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES