Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Accesibilidade Universal???

sábado, 02 de diciembre de 2017
En máis dunha ocasión dixen que non era moi partidaria dos “Días de…” polo pouco contido que teñen. Sen embargo, este ano máis ca nunca, estou desexando que chegue o 4 de decembro, o día seguinte ás celebracións do “Día Internacional das persoas con diversidade funcional”. Estaranse preguntando a que se debe entón a miña euforia…, pois ten fácil resposta: O día 4 de decembro todo-todo-todo será accesible porque O Real Decreto 1/2013, de 29 de novembro, sobre a Lei Xeral de dereitos das persoas con discapacidade e da súa inclusión social “esixirᔠ(o entrecomillado é cousa miña) que todos os establecementos cumpran unha serie de medidas básicas para garantir á accesibilidade universal. Repito universal. Comprenderán que é para celebralo!!!

Deixemos o soño… Se o 4 de decembro todos os produtos, bens, contornos e servizos teñen que ser accesibles segundo establece a Lei, quen se preocupou de que fose unha realidade? Contemplábanse melloras como eliminación de chanzos na entrada, mostradores baixos, portas anchas e automáticas, colocación de asentos de espera, pavimentos antideslizantes, melloras na iluminación, paneis informativos, probadores… para abarcar todos os aspectos da diversidade. Pero nin as administracións públicas, empresas prestadoras de servizos, medios de transporte e medios de comunicación adoptaron as medidas necesarias para cumprir a Lei.

Para non divagar vou copiar o que se entende por accesibilidade universal no artigo 2, apartado K, da Lei: “Accesibilidade universal é a condición que deben cumprir os contornos, procesos, bens, produtos e servizos, así como os obxectos, instrumentos, ferramentas e dispositivos, para ser comprensibles, utilizables e practicables por todas as persoas en condicións de seguridade e comodidade e da forma máis autónoma e natural posible. Presupón a estratexia de “deseño universal ou deseño para todas as persoas”, e enténdese sen prexuízo dos axustes razoables que deban adoptarse”. Vaia rollazo para nada ou para moi pouco porque lonxe queda ese deseño para todos. Supostamente os contornos públicos, edificacións, transportes, administración, patrimonio, emprego… son algúns dos dereitos que terían que estar consolidados. Evidentemente non é así.

A Lei foi unha resposta a tantos anos reivindicando a eliminación de barreiras, reivindicando cidades accesibles, en definitiva, cidades para todos. Podo asegurar que nos sobran leis. Non é motivo de alegría cando se aproban sabendo que case todo vai quedar no papel. Serven para gañar uns puntiños ao político de turno… Copio textualmente o aspecto b do Obxecto desta lei: “establecer o réxime de infraccións e sancións que garantan as condicións básicas en materia de igualdade de oportunidades, non discriminación e accesibilidade universal das persoas con discapacidade”. Pois xa se cumpriu o prazo e…?? Esquécese que para garantir dereitos hai que cumprir as leis.

Non é fácil imaxinar que alguén estivera nas portas dicindo ti si, ti non… Pois nós podemos demostralo. A entrada é o mellor escaparate para que un usuario con diversidade funcional decida acceder ou non ao establecemento. As persoas con diversidade funcional tamén somos consumidores, pero temos que apañarnos co que nos queren dar: mostradores altos, baños inadaptados, na primeira fila do cine…
Quero tamén referirme ás Comunidades de Veciños que se encontran con todo tipo de trabas, moitas veces por uns centímetros de espazo, para facer accesible o edificio poñendo un ascensor. Podería enumerar casos realmente sangrantes en que se lles nega saír da casa a persoas maiores ou con problemas de mobilidade. Como se o veciño ou veciña responsable non fora para maior ou teña asegurado que non vai romper unha perna, por poñer un exemplo moi común.

Fai uns días, en moitas cidades saímos á rúa reclamando “accesibilidade xa” en produtos, contornos, bens e servizos. Aínda con este desencanto temos que seguir loitando. Nunca podemos baixar a garda nin confiar totalmente nos nosos representantes. Celebraremos o día preparándonos para a batalla das reclamacións e as denuncias, reivindicando unha vez máis a posta en marcha de medidas urxentes. De seguro que conseguimos que se aprobe “outra lei” que tamén dirá que a existencia de barreiras vulnera os dereitos das persoas con diversidade funcional e a igualdade de oportunidades. Mellor tomalo con humor!!!
Bravos, Marisol
Bravos, Marisol


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES