Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Pingas de Orballo

miércoles, 29 de noviembre de 2017
Hoxe deume por aí

O Partido Popular rexeitou 40 medidas da oposición para a prevención dos incendios. É que ningunha valía nada! Tamén os da oposición non teñen sentidiño ningún: querer ser máis listos que os do PP! Incautos! Hoxe é Santa Cecilia. Hoxe hai nubes sobre o ceo. Hoxe hai moito aire. Hoxe ameaza chuvia. Xa veremos. O saxofón de Lester Young faime marcar o ritmo da música coa cabeza. Bendita música! Se me concentro no ritmo deixo de pensar nos listos. Son tan listos como a Fiscalía, que non localiza ningunha trama na súa análise dos incendios. Normal; non a hai! Os douscentos e pico incendios que houbo neste outono foron todos fortuítos… unha chispa de aquí, un lóstrego de alá. Hoxe escribo pola tarde. Hoxe hai fútbol pola noite. Hoxe hai película despois do fútbol. Hoxe é mércores. Ramón García e Anne Igartiburu seica “volven” presentar as badaladas de fin de ano. A ver, raposeiros!; para que despois faledes do Gayoso na TVG: de que se eterniza aí. Non sei quen se eterniza máis! Hoxe deume por aí. Hoxe deume por escribir ás toas, ó que saia. Hoxe deume por mesturar trapalladas ou trangalladas (é o mesmo). Pero é que non todos os días podo ir de listo pola vida.

Aquela pinga de sangue

Chove. Ou quere chover. Ou xa choveu. Non deixes que as luces de neon che fagan un arabesco na punta do cabelo. Quedaría fatal. Porque es calvo, calvo de nacemento. A culpa foi daquela pinga de sangue que deixou caer un monicreque sobre o teu pai. O monifate que veu do espazo sideral para conquistar a Terra. Iso dixo cando aterrou. El, o teu pai, nun principio, non o creu. Pero axiña lle soltou unha labazada nos fociños que o fixeron sangrar. De aí saíu a pinga! Que foi dar ó sexo do teu pai. Si, xa sei que é difícil que se metera por aí. Pero ben sabes o que nos pasa ós que levamos anteollos: que sempre unha atravesada pinga de auga se introduce entre os lentes e os ollos. Sempre, algunha sempre se mete por aí. O peor do teu pai foi que en vez de ser pinga de auga era de sangue. Estaba contaminada, claro. Xa me dirás!; logo de viaxar por ese espazo infinito, vai ti saber o que pillou polo camiño. O bicho ese, non o teu pai. A ver!, o teu pai, ó final, tamén pillou, pero… Chove. Ou quere chover. Ou xa choveu. As pingas de auga si caen a cachón sobre a calva da túa cabeza. Pobre neno! Polo de mollarte; non porque sexas calvo. Calvo, hoxe en día, é calquera. Por culpa da invasión alieníxena.

Grazas a dous veciños

Se mal non recordo, desde que empecei a escribir cousiñas de Baños de Molgas dos últimos anos do século XIX e primeiros do século XX, fíxeno xa sobre dous afogados nas augas do río Arnoia ó seu paso pola vila. Pois ben, hoxe toca falar dunha “medio afogada”, dunha que estivo a piques de que se lle encheran os pulmóns de auga e de que rematara os seus días nese mesmo río e nesta mesma vila. Se non afogou foi grazas á afouteza de dous veciños. Contan as crónicas do mes de xullo de 1902 que “un acto altamente humanitario e verdadeiramente heroico realizaron hai pouco os apreciables mozos don Samuel e don Salomón González Movilla, alumno de medicina o primeiro, salvando dunha segura morte a Marina Iglesias, que estando lavando no río de Baños de Molgas, caeu, efecto dun desgraciado accidente, á auga”. Seica foi nun sitio de gran profundidade, o que me fai pensar que sería polo Pozo da Grade. Se non fora pola coraxe e rapidez con que eses señores correron no seu auxilio, a señora Marina non o contaba. Pero contouno e seguiu lavando no río Arnoia porque, a ver!, naqueles tempos era o que había: auga, pedra e xabón.

Quen quere a Xan, quere o seu can

Camiño do traballo e escoitando as noticias de Radio Nacional de España, cando chegou o momento da sección das novas máis destacables dos principais xornais españois, un destes seica sacaba en portada que os políticos lanzábanse á busca e captura do voto musulmán en Cataluña. Manda truco na Habana! A onde chegamos! Resulta que, ata agora, dicir musulmán era dicir yihadista. Falar deles era como alentar, como aguilloar o terrorismo. Falar da burka era como provocar á nosa inmaculada sociedade. Falar do velo islámico ou hiyab era como botar os fígados por unha prenda que, nós, non hai moitos anos usábamos cada vez que as mulleres entraban nunha igrexa. E agora resulta que por uns cantos votos levantámoslles pedestais a todos eses emblemas odiados e vilipendiados. Temos ou non temos bile na conciencia? “Por el interés, te quiero Andrés”. Ou, quen quere a Xan, quere o seu can. Tamén, desta auga non beberei. Masacrados a máis non poder, pero por unha boa poltrona dáselle a volta á tortilla, é dicir, non lles importa que viren as tornas.
Rivas Delgado, Antonio
Rivas Delgado, Antonio


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PROMOCIÓN
PUBLICACIONES
Publicaciones
Publicaciones Amencer
Revista Egap
Obradoiro de Artesania