Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Mini-Mero-Mato

jueves, 23 de noviembre de 2017
TRÍADE complementaria de novos trinos, de himnos escondidos entre a Terra que aquecedes a palabra e chamades á unidade nunha simbiose que enche e ilumina, nunha luz que esperta os alboreceres da nosa Galicia perfumada de ventos fuxidoiros e limpa como a auga das quenllas por entre as ruxidoiras que nos levan ata o muíño onde cae o gran na moa dos vosos cantos.

TRINIDADE en defensa dunha esencia nosa, pregoeira e profeta da verdade que aos galegos cingue.

TRIUNVIRATO convertido en guerrilleiros da nosa memoria, da nosa alma e da nosa historia que nos pesa, aínda que pese a algúns.

TRÍANGULO equilátero que entre os cabos e aparellos conformades a enxarcia do barco que navega pola mar da sabedoría e da cultura á procura dos ignorantes para convertilos e facelos apóstolos da nosa relixión e da nosa causa, deixando sempre un ronsel que serve de guía nas galernas e marexadas.

TRIFORIO que deixa pasar a luz polos ocos da fiestra das igrexas románicas e góticas, onde ao seu pé ou arrimados á súa torre os cegos e xograres, acompasados dos sons monocordes e antigos da zanfona, deixaban escoitar romances dos nosos aconteceres, perdidos pola desidia dos que nos gobernaron ou desgobernaron.

TRIDENTE de tres nomes, tridente bisílabo de consonantes nasais e brandas que aloumiñan as vosas cántigas, mais tamén vibrantes e bilabiais que espallan a liberdade na abertura das chairas, nas montañas e nos vales telúricos da nosa matria e da nosa patria.

TRÍPODE que conformades a simboloxía dos galegos, o pote de ferro de tres pés que penduraba da gramalleira e contía a comida necesaria de redondas, brancas e negras; corcheas, fusas e semifusas que se xuntan entre os silencios conformando melódicos pentagramas da dignidade, da igualdade e da liberdade dunha lingua que se coce na evolución dun latín que nada ten que envidiar ás outra linguas. Grazas por cantalo, por sentilo e por facérnolo ver aos habitantes dunha TERRA antropófaga.

Moitas grazas, TRÍPTICO, e que dos tres paneis pintados coa vosa efíxie veñan primaveras, e tríades, e trinidades... triarcas, triángulos, tridentes, triforios e trípodes coa vosa forza e alcurnia para que entre os TRILOS e os TERCETOS dos vosos cantos, deixen memoria e sigan facendo a verdadeira historia da nosa historia no Paseo dos Soños.

(Artigo escrito despois de ler o libro 'Mini e Mero: labrando para sementar' de Xulio Xiz).
Otero Canto, Xosé
Otero Canto, Xosé


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PROMOCIÓN
PUBLICACIONES
Publicaciones
Publicaciones Amencer
Revista Egap
Obradoiro de Artesania