Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Na lembranza do baluro, Xosé Manuel Carballo Ferreiro

miércoles, 22 de noviembre de 2017
Na lembranza do baluro, Xos Manuel Carballo Ferreiro A primeira noticia que tiven deste incansable cura, baluro e chairego, foi a finais do ano 1999, cando o meu sobriño Arturo me deixou a novela Don Otto de viaxe pola chaira, na que Xosé Manuel conta como o arqueólogo alemán e a súa dona Eurika van descubrindo os monumentos, a cultura e os valores chairegos, o que convirte a novela nun importante documento etnográfico desta terra que tan ben cantou o noso bardo nacional, Manuel María. Faloume tamén Arturo do traballo que desenrolaba nas comarcas de Castro de Rei e de Vilalba: no grupo de teatro Os Baluros e no grupo de gaitas e danzas do mesmo nome, ambos da súa parroquia de Castro de Rei; como sindicalista agrario, da afección pola maxia e da súa bonhomía.

Tiven ocasión de coñecelo, tempo despois, na homenaxe que se lle fixo no seu Castro de Rei natal ao malogrado poeta chairego Francisco de Fientosa, o 30 de xuño de 2012, e, mais tarde, cando o fun coñecendo un pouco mais en diversos actos culturais e facendo amistade con el, puiden comprobar que non esaxeraba o meu sobriño ao relatarme as virtudes deste crego, pois aínda penso que se quedou curto.

A pesar de que a igrexa galega sempre estivo de costas ao pobo, el era un dos poucos cregos consecuentes coa terra na que naceu e xunto con Francisco Carballo Carballo, Alfonso Blanco Torrado de Xermolos, Xaquín Campo Freire (O Cura de Roca) e Luís Ángel Rodríguez Patiño, forma parte dese grupo aos que sempre lles profesei unha grande admiración e un especial cariño, pois si tivéramos mais coma eles nas parroquias galegas estou seguro que outro galo nos cantaría; arredaríamos de nós ese auto-odio do colonizado e dariámoslle mais valor a nosa patria, a nosa lingua, a nosa cultura e a todo o noso.

Fidel e agradecido as súas raíces, tampouco faltou ao seu compromiso coa clase social á que pertencía e co noso idioma, pois lembrando os versos do cantor da Terra Chá, afirmaba: Meu pai é labrego. Tamén meus avós. Toda a miña xente de labregos foi. Eles foron os meus mestres naturais. Deles aprendín a lingua, amor á terra, capacidade de traballo e de loita, paciencia e respecto... Non falar con naturalidade a súa fala nin vivir os seus valores sería como cuspirlles á cara o leite que mamei.

Foi, este mestre de magos, quen recuperou a palabra baluro, cando esta verba tiña un sentido pexorativo, dándolle o valor que lle correspondía e conseguindo que hoxe ser baluro non sexa un aldraxe, senón un orgullo. Así axudou a crear o grupo Os Baluros con “b”, que son os baluros do teatro e Os Valuros con “v” que son os baluros da música e da danza, xa que, como Xosé Manuel Franco Grande, no seu Dicionario Galego-Castelan de 1968, distingue entre o baluro con “b”, que é o meigo, e o misterioso, do valuro con “v” considera que, ademais de usureiro, corresponde ao nome que se lles dá aos habitantes da Terra Chá, polo que Xosé Manuel chegou a conclusión de que baluro pódese escribir dos dous xeitos, e tanto os Baluros do teatro como os da música, serviron de altofalante dunha idea que el inventou. Unha invención que xurdiu ao ver por primeira vez a palabra baluro no Dicionario Enciclopédico Galego de Eladio Rodríguez González, no que atopou algo curioso, pois dicía que baluros eran os habitantes próximos a lagoa de Santa Cristina de Cospeito, da provincia de Ourense.

Co humor e a retranca que o caracterizaba, contaba que despois de ler isto foi ver o que dicía sobre eses antigos poboadores a primeira edición da Gran Enciclopedia Galega en castelán e viu que buscando baluros con “b” mandáballe ir a baluros con “v”, e ao ir a valuros con “v” viu que non existía. O seguinte paso sobre os baluros veulle da man de Otero Pedrayo e logo de Murguía, quen afirmaba que os baluros era a xente mais ruín que tiña Galiza, polo que, segundo el, descubriu que Murguía non sempre sabía ben o que dicía.

Para el a amistade era unha das razóns para seguir vivindo e non perdeu o humor nin nos momentos mais duros, afrontando de cara a adversidade. Era un gran conversador e cando lle aconsellaron os doutores falar o menos posible, empezaba dicindo: Vou procurar ser breve, por vosoutros, por min e pola Seguridade Social, pero despois esquecíase del e da Seguridade social e seguía falando para nós coma se nada.

Agora deixounos orfos da súa maxia, do seu humor e da súa bonhomía. Gardo varios vídeos e fotos das súas intervencións en diferentes actos, que volvín a ollar agora con fondo pesar ao velo partir para ese lugar do alén, no que dicía que xa estivera cando o operaron no Lucus Augusti e lles deixou o corpo no hospital aos cirurxiáns mentres o operaban e a súa alma argalleira, inqueda e viaxeira, foise dar unha volta polo mais alá para visitar ao seu amigo Bernardo García Cendán, que tamén acababa de deixarnos, e a outros moitos amigos aos que agora lles estará facendo o número máxico das cartas co que deleitou a tanta xente desta querida Valuria resucitada por el.
Río, Raúl
Río, Raúl


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES