Para Mini e Mero
Lamas, María Xosé - lunes, 20 de noviembre de 2017
Estiven a carón do novo Hectómetro, no Paseo dos Soños, presa da luz dos vosos ollos mentres solfexaba muda na partitura da auga e escoitaba o son da néboa enxoita.
Lembrei entón as voces das guitarras, do bombo, a pandeireta, o tamboril ou a caixa acompañando o latexo rítmico dos pasos en mañás tan fermosas coma esta na que os sorrisos estouran canda as bágoas emotivas e as apertas arroupan a friaxe quentando os corazóns que bulen ao compás, en seis por oito.
Quixera ser tamén muiñeira no Rañego e axudar a manter rodando as moas, vixiar o rodicio e encher a presadas a moega, mais sei que teredes axuda de abondo na muiñada.
Achégovos nesta mañá moreas de bicos de orballo para que alumeen con escintileos de amizade pendurados das brancas arañeiras que todos e todas tecemos arredor de vós.
Parabéns, amigos da alma!
Lamas, María Xosé
Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los
autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora