Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Xosé Manuel Carballo e Manuel Rodríguez López conversan xa por sempre no ceo dos galegos

miércoles, 22 de noviembre de 2017
No mesmo intre no que o amigo Xosé Manuel Carballo dicía caladamente un ata logo ós que choramos a súa ausencia física permanente, o Fillo Predilecto de Castro de Rei, o noso cura galego ilusionista, vivía o anceiado reencontro, tamén permanente, con tantos e tantos familiares e amigos que o estaban a esperar no ceo dos galegos. Entre eles, o meu pai, Manuel Rodríguez López, que sen dúbida sentiu unha ledicia especial polo reecontro co seu amigo Carballo.

Paréceme escoitalos conversando:

- Amigo Carballo, lembras o día no que nos coñecimos, hai anos xa, na sala de actos do Centro Galego de Barcelona?
- Como non, e que agradecido che quedei por facer as xestións que posibilitaron a actuación aló do noso querido grupo teatral Os Baluros.
- Moito me impresionaches persoalmente. Sempre dixen que Galicia necesita cregos coma ti, como Xesús Mato e outros, tan comprometidos coas nosas xentes e tan sabedores da verdadeira mensaxe do Evanxeo, que poñedes en práctica e transmitides de forma sinxela e eficaz.
- Moito temos parrafeado, Manolo. Lembro con grande agarimo as nosas conversas e as que tivemos a sorte de compartir con Don Anxel Fole, Si Señor!
- Cantas vivencias gardadas no noso recordo!

Os que quedamos neste mundo, agardando ter a sorte de atoparnos con eles de novo algún día, sabemos que esta podería ser a súa primeira conversa despois do anceiado reencontro. E sabémolo porque deixaron escritas moitas das súas parrafeadas:

"Saímos de Lugo á media mañá con Xosé Manuel Carballo, un crego polifacético que atende tres parroquias, escribe teatro e contos, tramita documentacións burocráticas para a construcción de pistas nos lugares máis arredados das súas parroquias, e aínda estalica as horas para dirixi-lo grupo teatral «Os Baluros» e engadar ós espectadores coa súa arte de ilusionista". Esta foi a primeria descripción escrita que deixou publicada Manuel Rodríguez López sobre Xosé Manuel Carballo, o día 30 de setembro de 1979 nun artigo no que resumía unha viaxe feita con Anxel Fole a Quiroga e á Veiguiña.

A súa amistade con Xosé Manuel Carballo comezara uns meses antes da man do gran amigo común Xulio Xiz, quen, ademais de adicar garimosa e eficazmente toda a súa vida á familia, ós amigos e á cultura galega, foi quen bautizou o noso ceo co nome “o ceo dos galegos”.

"Cantos enchemos o salón de actos do Centro Galego e o teatro de Hospitalet, moito antes das horas fixadas para ver «Os Baluros», non quedamos defraudados. A colonia galega da Cidade Condal endexamais tivemos a sorte de acudir a un acto que nos concienciara tanto como a peza teatral de Xulio Pita «Vaise a pechar outra casa máis», traxicomedia en tres actos, representada por labregos de Castro de Rei e Santa Leocadia da terra Cha, dirixidos polo crego D. Xosé Manuel Carballo" ... "Non sei se D. Xosé Manuel Carballo atendeu o consello de Antón Villar Ponte que escribiu: «Se queremos salvar da morte o "xenius" galego e que Galicia volva a atoparse a sí mesma escoitando a voz eterna da Terra, non é posible continuar cos brazos cruzados. É mester a creación e afirmación dun teatro galego». O que sí podo dicir é que o crego lugués tivo un gran acerto coa súa iniciativa e, se se mantén na mesma liña, non será de extrañar que recolla éxitos coma os de Barcelona e Hospitalet" (Exito multitudinario dos «Baluros». Actuaron no Centro Galego de Barcelona e en Hospitalet «El Progreso», 31-V-1979, Galegos en Catalunya 1978-1982).

Carballo ten a palabra:

"Pois si. Perece que foi antonte, ou, mellor dito, onte, cando aló polo ano 1979 falei por primeira vez con el (MRL) por teléfono, grazas a Xulio Xiz, pra artillarmos a maneira de ir cos Baluros e coa obra de teatro “Vaise pechar outra casa máis” ó Centro Galego de Barcelona. Manolo conseguiuno, presentou alí ó grupo e a peza e mandou unha crónica sobre o éxito acadado que aínda hoxe nos fai poñer colorados. Foi unha experiencia inesquecible grazas á que naceu unha amizade inmorrente. Inmorrente, si; porque se na Vida Eterna non perduran as amizades, eu doume de baixa. Agradecería que ninguén se apurase a escandalizarse ou a considerarme irreverente. A ver: Deus é amor. O Ceo ten que ser a culminación do amor aquilatado como ouro no crisol. Non hai amizade sen amor. Logo, sen amizade, non é ceo. Ou non?”

En referencia ás viaxes que Manolo e Carballo fixeron con Fole, Carballo di:

"Parece que aínda foi onte cando Manolo me convidou á festa de facer varias viaxes co seu gran amigo, -despois tamén meu-, Don Ánxel Fole, Si Señor. Que gozada! Indo cara a Veiguiña visitar a algúns dos Quirogas, Don Ángel levaba dez temas de conversación ó mesmo tempo. Seis con Manolo e catro comigo. Había que ir moi atentos a ver con cal dos temas saía despois de cada silencio. Si, Señor!"

Unha delas tivo como elemento central o Monte Medulio. Manolo deixou escrito:

"Hai anos, con ocasión dunha visita con Ánxel Fole a Castro de Rei tras visitá-lo pazo de Sistallo, Xosé Manuel Carballo, o activo crego, autor e director teatral, prestidixitador, inspirado narrador e incansable profundador nas raíces histórico-étnicas do seu pobo, díxonos que o monte da Escrita quizáis sexa o Medullium reseñado polos historiadores latinos. Tamén nos informou que Triaba -unha das parroquias do Concello- proporcionaba o liño para confecciona-las túnicas dos emperadores romanos e contou que, segundo a tradición, Teodosio o Grande nacerá no lugar de Coea, pretiño de alí.

O escritor, membro da Real Academia Galega (Anxel Fole), escoitou con atención e dixo: «Outra fantasía máis». E, logo, desviando a conversa, preguntou: ¿E de onde pensan vostedes que proven a palabra «baluros» que designa os habitantes desta comarca?

Don Ánxel, explicou que os habitantes das antigas cidades lacustres da Chaira, algunhas asulagadas, vivían en palafitos. E engadiu: «Baluros» pode ter relación con Palusudis (Lagoa, en latín). Pudo suceder, como coa verba «Viburnos-Biurnos-Piorno», que vai contra regla porque o normal é que o «p» determine «b», como «Superbia» dá «Soberbia» e «Súbitus» que se troca en «Súpeto». Dígolles a vostedes -remarcou o noso ilustre acompañante- que non hai ciencia tan suxestiva como a orixe da linguaxe. Os seus matices son infindos».

A memoria de Carballo engade información á lembranza:

"Parece que aínda foi onte cando o trouxemos ó monte da Escrita ou do Sagrado Corazón de Santa Locaia e lle dixemos:
-Está vostede pisando moi probablemente o Monte Medulio.
El moi escéptico dixo, fincando ambos brazos na inseparable caxata:
-Si. señooor, o monte Medulio…
Ti animáchesme a seguir argumentando, porque me parece que xa estivéramos alí con Irene, a túa muller, cun sobriño e con Santi que facía de fotógrafo e case vos convencera. El puxo meirande atención, deulle media volta á pocha no curuta da cabeza e rematou a miña perorata cun:
-Si, señooor, o Monte Meulio?
Ó ver que se ía abrandando aceleime e seguín en son de arenga, acórdaste? Ata que el, dando un cachabazo no chan sentenciou:
-SI. SEÑOOOR, O MONTE MEDULIO!

Naquela viaxe paréceme que foi na que nos deu a súa definición de baluro, como derivación de paluro e este, habitante dos palafitos das cidades lacústres das lagoas de Caque en Castro de Rei, ou de Vería en Cospeito ou en toda a Terra Chá toda ela era un calmoso mar”.

Xosé Manuel Carballo e Manuel Rodríguez López conversan xa por sempre no ceo dos galegosO amigo Xosé Manuel Carballo regalounos en vida recordos das súas conversas con Manolo Rodríguez. E tamén deixou constancia das súas reflexións dirixidas ó seu amigo Manolo nas que descubrimosaspectos dos sentimentos do seu corazón, da verdade da súa alma, que hoxe podemos aplicar ó propio Carballo.

Con total certeza, di Carballo:

"Manolo amigo, cremos que segues vivo noutra dimensión, porque tampouco comulgamos na súa totalidade con aquilo de Bécquer: “Partimos cuando nacemos, marchamos mientras vivimos y al tiempo que llegamos, fenecemos”. Ó tempo que chegamos non perecemos, senón que rematamos as etapas de maduración e acadamos a última meta na que nos agarda “a coroa de gloria por ter combatido ben nos combates aciagos e turbulentos”.

Por iso, amigo Manolo, non che podo dicir: “Ata nunca”. Dígoche: Ata por aí pola Vida a calquera hora de calquera día.

Ben sabes, amigo, como son as cousas por aquí abaixo: fóxeche o tempo coma a auga por entre os dedos. Aí ten que ser ben diferente e ata creo que aí o tempo xa non conta.

Pois si, parece que aínda foi onte cando te nos fuches e aló van xa 25 anos. Claro, fúcheste a modiño, coma sempre, como tendo medo a molestar. Ata falabas baixiño coma a túa (e ti dela) Irene, pero non era por apoucamento, senón por educación, que ti berrar sabías, e facíalo coa pluma denunciando entre outras cousas denunciables as inxustizas cometidas co rural galego e en xeral coa nosa terra. Centella se sabías! Madia levabas a saber e máis ben! Coa poesía, como dixo un poeta do que non recordo o nome metíaslle a cada palabra toda a carga de enerxía que se lle pode meter a unha palabra.

Parece que aínda foi onte cando aló na Alúmina, despois de dar un repaso ó problemas da contaminación de flúor e ó mesmo tempo da necesidade de industrialización, e ante un cabreo meu por ver a pouca defensa do noso que facían as autoridade e o do pan de cada día que estamos moitos curas, ti dixéchesme:

-Xosé Manuel, anque che guste algunha moza, sigue de cura, home, que nos fan falta curas comprometidos e que lle axuden a Dios a falar en galego.
Non tiven tempo a contarcho, Manolo, pero cóntocho agora. Eu tampouco fun tan comprometido como debera, pero cando lle contei este teu consello a un compañeiro díxome:
-Mira con quen andas, que ese o que quere é que te votes de fóra e deixes todo.
Mireino de esguello e só lle respondín:
-Pampo! Ti miras pró dedo e non prá lúa que o dedo sinala. Non ves que non insiste na moza senón no compromiso coa terra e co evanxeo?

Xosé Manuel Carballo e Manuel Rodríguez López conversan xa por sempre no ceo dos galegosLembras, Manolo, como te rías ó escoitar a resposta de D. Anxel cando quixeron meterse con el en El Progreso dicíndolle que quería pasar por anticlerical, pero era amigo do cura de Castro de Rei? Vou volver a contala, porque tamén a min me fixo graza e ó mesmo tempo deume que pensar. Pois respondeu:
-Si, señooor… si, señooor. Ese cura non é cura! Si, señooor. E foise cos dous dedos mata piollos metidos no chaleco.

Moi ben o temos pasado aínda que non tivemos moito tempo para estar xuntos, eh? Pero pasamos anos sen coñecernos nin ser amigos e despois, ata hoxe, non deixamos de selo, nin entre nós nin coa túa familia. Isto xa o escribín non hai moito, pero gústame repetilo. Como segue don Anxel? Segue fumando aí e sacudindo a cinza na manga esqueda a chaqueta? Supoño que entre os dous teredes ós anxos agaiolados contándolles historias, porque ambos sodes bos narradores. Pero, ademais, seica lles gusta moito a poesía. Non te esquezas de darlle saúdos a Fole, eh. Se cadra xa non se acorda de min, pero eu del non me esquezo e fardo de terme codeado con el. Como fardo que don José Trapero, tamén gran amigo teu, me chamase ruliño. Recordo moitas cousas de don Anxel, pero hai unha especialmente da que ti tamén fuches testemuña e che deu que pensar, cando me dixo:

-Admíroo, si, señooor, e gustaríame ter fe coma vostede.
Unha cousa é predicar detrás dun altar e outra é poñerse diante. Pensei a resposta e moi humildemente contesteille o que hoxe volvería a responderlle:
-Tamén eu o admiro a vostede, Don Anxel, porque vostede segue buscando e en cambio eu xa parei, sen estar moi seguro de se encontrei. Parécelleme que a fe é busca continua por entre a brétema e non seguridades absolutas. Se Deus nos dá a luz pra buscar xa nos dá moito. Non ve como Abraham, o pai dos crentes, tivo que poñerse tamén a buscar?
Ti eras crente, amiguiño, pero asentiches co cabeza e el por todo comentario só farfullou en son moi baixo:
-Si, señooor…

Carballo finaliza suliñando:

“Non me estou botando do rego, non; que Manolo tamén cría entre brétemas ese misterio de amor que agora xa pode entender moito mellor ca o mellor teólogo”.

O misterio da vida transcendendo a morte, a forza da fe e do amor, a luz feita palabra, son enigmas que ningún teólogo nen ningún concilio poderían respostar dunha forma tan sinxela, tan real e tan elegante como a que deixou escrita Xosé Manuel Carballo Ferreiro cando se despediu do seu amigo Manuel Rodríguez Lópezpara finalizar unha das súas conversasnas que, un desde a terra e o outro desde o ceo, se comunicaban por medio da súa amistade inmorredoira:

“E vou ter que deixarte, amigo, porque me están chamando pra cear e ti tamén has ter que facer. Así que, ata por aí pola Vida e non te me esquezas de gardarme un sitio non lonxe de ti a non ser que teñas outros compromisos de meirande importancia. De calquera maneira, xa buscaremos xeito de botar algunhas parrafeadas, que pra daquela, Deus meiante, hei ter recuperada a larinxe e máis as cordas vocais”.

(Santiago Rodríguez López é fillo do escritor Manuel Rodríguez López -www.manuelrodriguezlopez.org-, que foi gran amigo de Xosé Manuel Carballo Ferreiro).
Rodríguez López, Santiago
Rodríguez López, Santiago


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES