Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

O home que soñaba con voar

viernes, 24 de noviembre de 2017
Testemuñas da memoria:
O home que soñaba con voar

O meu son os heroes. E as persoas con espírito. Os bulebule. Esa xente inqueda que sempre ten que facer algo para non rebentar co aburrimento. Sacan tempo de onde non o hai para arranxar cacharros, para axudar ó próximo, para cavar unha leira e volvela cavar, incluso para inventar. Ó noso protagonista de hoxe podémoslle, moi fácil, chamar un inventor, un inventor de avións. Ou simplemente era que se sentía tan libre que non lle quedaba outra que voar. Non sei, imaxino que alucinaría cos paxaros, porque naqueles tempos, na década dos anos 20 do século pasado, non creo que houbese moitos avións sucando, voando sobre o ceo molgués ou sobre os montes da Ambiela, nin tan sequera aparecera o Supermán (faríao uns anos máis tarde en Estados Unidos, pero claro, ata que chegase a España... e aínda chegado, quen era o chulo que mercaba o cómic, e menos nunha pequena aldea de Baños de Molgas).

Pois ben, José Rivas Vila quixo ser coma os paxaros: voar e ó mesmo tempo ser libre (a miserenta vida daqueles anos non deixaba moitos soños de liberdade), polo que non lle quedou outra que construír o seu propio avión. Un avión! Aí é nada! Nos anos en que case non había avións! Pero como era un “manitas”, un mañoso colleu aparellos de aquí e de alá e a base de sacos, ferros e materias de vehículos vellos deulle forma a algo semellante a un avión. Medio en segredo e en silencio, cara á noitiña, cando xa as demais faenas se realizaran debidamente, el, como unha formiga, aparafusaba aquí, rebuscaba alá, colocaba unha peza, pegaba ou ataba outra e así día tras día. Seica se baseaba no autoxiro de La Cierva, ó mesmo tempo que, polo día, estudaba as bolboretas e, pola noite, os morcegos. Que carallo, o tío era listo!

Claro que era listo. Xa daquelas, e á parte de ser un milmañas, dáballe a algo máis, principalmente, á reloxería, á mecánica e tamén era practicante! “Como ninguén se atrevía a poñer inxeccións, foi el e, ale, xa non deixou tal ocupación”, segundo palabras do seu fillo.

Feito o parágrafo sobre a súa capacidade, máis alá do propio campo labrego, volvemos ó noso, ó soño de voar. Ou de ser libre. Ide vós saber. Sen lle dicir nada a ninguén, colleu o armatoste e polas corredoiras do monte da Ambiela, subiu a un dos seus outeiros. Non sei, pero é coma se o vise subindo, coa cabeza gacha, medio enfociñando a causa do peso do aparello e do desnivel do terreo e coa súa cabeciña cavilando ou fervendo sobre o gran acontecemento que estaba a piques de iniciarse. Imaxínoo implorándolle á Virxe dos Milagres para que todo fose doado, para que a súa liberdade sobrepasase por enriba dos tellados de Pazos, a ver se por un casual ou se porque o avión xa tiña todo o que tiña que ter era capaz de cruzar incluso o río Arnoia. Ó mellor ata confiaba en voar ata o infinito e máis alá.

Coitadiño!, seica voou tan só uns dez metros. Por un lado ata quizais foi ben que só voase esa pequena distancia, porque así, a caída, foi leve; uns simples golpes e rabuñaduras. Despois a xente (porque somos como somos) case escacha coa risa. Mal feito! Repito que esta xente é digna de admiración. Hai que poñerse na súa situación... aldea pequeniña, no cu do mundo, sen medios, naqueles tempos tan primitivos en todo. E, non obstante, el incha o peito e tira cara adiante. Iso é un home!

Era tanta a súa afección á mecánica e ós avións que sabía que onde realmente podía aprender algo era na Aviación. Así é que, sen andar con días santos, rouboulle a sinatura ó seu avó para poder presentarse voluntario. Marchou para Cuatro Vientos e, alí (e a pesar de que recomendan sempre de que na mili nunca te presentes voluntario a nada), deu un paso ó fronte para dicir que era iso e algo máis. Os seus superiores viron que era verdade. Baixo a batuta do capitán Barberán e do tenente Collar colmou as súas aspiracións, tanto mecánicas como aeronáuticas.

José Rivas Vila nacera o 8 de xaneiro de 1911 na aldea de Santa Eufemia. Era fillo de Ramón Rivas (de Pazos) e de Dolores Vila (de Almoite). Casou con María Escolástica Vázquez Vila, veciña de Vilameá e tiveron tres fillos, un deles, Pepe, foi o que me falou un chisco do seu pai e tamén é o que, digamos, segue coa afección do seu proxenitor: de mecánico, ó mesmo tempo que rexenta o único bar que hai hoxe en Vilameá de Ambía.
Rivas Delgado, Antonio
Rivas Delgado, Antonio


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PROMOCIÓN
PUBLICACIONES
Publicaciones
Publicaciones Amencer
Revista Egap
Obradoiro de Artesania