Foz: Finou Moncho de Cosme
Fernández, Suso - sábado, 18 de noviembre de 2017
O xornal de hai uns días informaba do pasamento de don Ramón Marful Rodriguez, focego de Marzán, crego que ó longo da vida rexíu diversas parroquias e nunha delas, a veciña Burela permañecera preto de vinte anos, onde se fixo moi respetado e querido polas xentes da industriosa vila, dadas as dotes humanas que dende a mais temperá idade o adornaban.
A súa bonhomía; a humildade, o talante dialogante con todos, sen tipo algún de discriminación; o humor retranqueiro, que sempre o acompañaba; a súa honestidade e altruismo facían del un persoeiro singular, sempre identificado coa problemática: as venturas e desventuras dos pobos nos que exercía a labor de apostolado; coas súas necesidades ou aspiracións, xa fosen de orde laboral, socio-económicas, culturais-deportivas e, en xeral,en canto puidera incidir nunha mellora para a vida da veciñanza.
A triste nova circulou por Foz como regueiro informativo; para algúns vellos do lugar, mais desinformados, houbo que aclarar a personalidade de quen se trataba, coa nominación entrañable dos pobos: Falamos de Moncho de Cosme
. Aclarado!.
O cronista, un día mais vello que él, mantivo ó longo da vida unha entrañable amizade e non sabe por canto tempo vai botar de menos a grande aperta que nos dabamos cada vez que se producía o encontro.Estamos seguros de que o Monchiño de Cosme, da nosa tan afastada nenez compartida, xa nos olla dende o ceo.
Vaia para a súa familia, todos benqueridos amigos, unha vez mais, a expresión da nosa dor.
(Suso Fernández é Fillo Predilecto e Cronista oficial de Foz)

Fernández, Suso
Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los
autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora