
Este sábado Mini e Mero reciben unha homenaxe en Vilalba, e vaise erguer un monolito na súa honra no Paseo dos Soños, unha rota á beira do río Magdalena, que vai desde o Muiño da Magdalena ao Muiño do Rañego.
Todos os galegos sabemos quen son Mini e Mero, e levamos décadas oíndoos cantar, e sabemos que Mini, o das barbas longas se chama Xosé Luis Rivas Cruz e Mero é Baldomero Iglesias Dobarrio, os dous do ano 1951, nacendo na Terra Chá -Baamonde e Vilalba- con nove días de diferencia.
En 1968 veu para Lugo o Padre Mato, como Director do Colexio Menor Feminino Santísimo Sacramento, e deseguida creou nel un coro de rapazas. E invitou a cantar nese coro a dous rapaces, tolos pola música, que o reforzaron, e do que logo naceu Folk 72, premiado en Mondoñedo cantando a canción Fuxan os ventos de Xesús Mato. E Fuxan os ventos entrou na historia.
Mini e Mero foron a esencia de Fuxan, o grupo que despertou o agarimo pola canción galega de todos os que eramos mozos naquel 1972, e de todos os mozos que viñeron despois, e dos nenos, e dos vellos. E cando Fuxan os ventos, que tivo varias crises de identidade, rachou a comezo dos 80, Mato, Mini e Mero fóronse e Mini e Mero crearon A Quenlla, tamén alí alma mater dun grupo nacionalista, vangardista da tradición, que gloriou a nosa música espallándoa urbi et orbe.
Pois estes dous mozos de 66 anos cumpridos, levan medio século dedicados á música, na investigación, no análise, na divulgación, na escrita de poemas e na musicalización, dando vida aos poemas dos nosos creadores, conferenciando ou cantando, cantando ou dando charlas sobre a canción salpicadas de cancións
e todo gratuitamente, desinteresadamente cun grandísimo interese polas xentes do país, polo país.
Por eso, este sábado, varios centos de amigos imos recorrer con eles o Paseo vilalbés da beira do río, decíndolles catro verdades ou catrocentas, e facéndolles saber que a Terra Chá está orgullosa de telos por fillos, e a música galega honrada pola vida de entrega que lle teñen dedicado, e por eso queda chantado un monumento na súa honra no Paseo dos Soños de Vilalba.
(Xulio Xiz é autor do libro "MINI E MERO, labrando para sementar", que este sábado se presentará no Paseo dos Soños de Vilalba da Terra Chá).