Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Pingas de Orballo

miércoles, 15 de noviembre de 2017
Melar o ollo

Xusto cando o sol semella que se acocha pola Rabaxoá, Anxo Soliño Enganado sae da súa casa do barrio da igrexa todo amañadiño e marcha para o mazadoiro da burga. Alí sabe que xa estará coas súas amigas Ana Malvido Peneda, á que leva un tempo xa melándolle os ollos. Sempre, cando está con ela ou cando está preto dela (ás veces ela ponlle cara de ferreiro e, entón, nin se lle acerca) dedícase a facer parvadas e, tamén, a rir as dela. Porque Anxo Soliño anda a melarlle o ollo todo o día. Babexa por ela. Ela é a filla de Ludmila, A Pañoletas, e din que é a máis guapa de todo Baños de Molgas. El é fillo de Mauricio, O Sedeño, e din que é o máis leliño de toda a vila. Esta vila, como todas as vilas, ten para dar e tomar. Anxo Soliño quere tomar dunha vez por todas a Ana Pingas de OrballoMalvido, pero esta nin arre nin xo. Rille as grazas porque lle dá pena, pero de aí a ir un pouco máis alá, que nin o soñe! A filla da Poñoletas é moi guapa pero ten o seu xenio. O fillo do Sedeño anda a melarlle o ollo todo o día. Pobriño. E baixa todos os luscofusco para o mazadoiro da burga tan só para melarlle o ollo. Máis alá non vai nin o deixan ir. Pobriño, de novo.

Co soldo conxelado dos funcionarios

Ós funcionarios conxelaranlles de novo as p…, digo, o soldo por falta de presuposto. Ai logo!, que tanto chupan do bote para non rañala! Hai que aforrar, que, petiño a petiño, ímolos levando para Suíza. Sempre as pagan os funcionarios. Pobres funcionarios! Despois, claro, se algún se cabrea, axiña che soltan aquilo de “como falas en contra dos xefes!”. É dicir, que non queda outra que calar e apandar. Apandar para que con eses aforros nosos os políticos e politiquiños vaian, por exemplo, presentar o novo centro de saúde de Paderne de Allariz. Perdón, dixen mal: o conselleiro de Sanidade e a delegada da Xunta foron examinar os dous paneis informativos que se puxeron onde se situará o novo centro de saúde. Despois, cando as obras vaian, máis ou menos, pola metade imaxino que volverán co soldo conxelado dos funcionarios “para ver como van as obras”. E xa, cando se remate o centro sanitario, o conselleiro e a delegada serán tan só dous dunha camándula que, faltaría máis, pasarán a inauguralo con sorrisos de Profidén e con bombas de palenque. Co soldo conxelado dos funcionarios. É normal que se cabreen!

O pavor dos seus ollos

Sempre lle tiven pánico ós incendios que se producen en aldeas, vilas e cidades. Moito dese pánico débese ó impresionante barullo que se arma cando acontece o sinistro. Lembro aqueles berros ás tantas da madrugada e as campás da igrexa de Baños de Molgas tocando a rebato. Tamén a impresión que dá o son das sirenas dos coches de bombeiros. E o gran espanto, o gran pavor está nas vítimas que pode haber. Sempre imaxinei unha morte atroz causada polas lapas. Non quero imaxinar o que tivo que pasar unha anciá paralítica cando notou como as lapas a consumían na súa casa de Poedo no mes de novembro de 1901. Unha das mellores casas desa aldea de Baños de Molgas quedou enteiriña en puros cascallos e a pesar dos esforzos dos veciños. Enxoval, roupas, grans, todo canto había no edificio foi pasto das lapas. A maiores da anciá, completamente carbonizada, unha viúva e os seus seis fillos, que habitaban a casa, “quedaron sen máis amparo que o de Deus e o das persoas caritativas que quixeran favorecelas coas súas esmolas”, segundo rezaban as crónicas dese 1901. Penso na velliña e vénseme á cabeza o pavor dos seus ollos.
Pingas de Orballo
Á costa dos pombos!

Que ben se vive á costa dos pombos! Hai alcaldiños que andan de aquí para alá para facer que traballan e, claro, gastando dos erarios. Hainos que visitan dous pasos de peóns que, para máis aquel, sufragounos o Ministerio de Fomento. Pero claro, había que pór a cara bonita para que se pense que se fai, aínda que o único que fagan sexa vivir das pingas de suor dos pobres pombos. Xa tempos ha, o ilustre don Manuel inaugurou a fervenza do río Xallas, como se esta aparecera así dunha sentada ou como se catro operarios da contorna do Ézaro fixeran pedra a pedra a impoñente cachoeira. A verdade é que as inauguracións deben deixar o bico moi doce, porque todos, absolutamente todos se apuntan a impartir a urbi et orbi. Á costa dos pombos! E non se cortan un carallo convocando á prensa e ós diversos medios de comunicación para que programen ós catro ventos as insignes, as eméritas manobras urbanísticas (e políticas) que lles poden dar uns cantos votos máis. Eles saben ben que os pombos, ó final, somos pombos de verdade. E viven felices e contentos á nosa conta. Normal.
Rivas Delgado, Antonio
Rivas Delgado, Antonio


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES