Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Sermos diferentes para sermos existentes

miércoles, 15 de noviembre de 2017
En 1895 o semanario “La Tierra Gallega”, editado en La Habana e dirixido por Manuel Curros Enríquez, adoitaba publicar un anuncio das marcas de viños: “Salto d´o Can”, “Enxebre” e “Vieira do Miño”. É de supoñer que a intención dos adegueiros era diferenciárense naquel mercado antillano doutros produtos pola singularidade lingüística que aportaban os seus nomes. Con aquela intención facían súa a máxima de hai que ser diferentes para facerse notar.

Hoxe o uso da lingua galega nas etiquetas pregoando as bondades das castes coas que se elaboran os viños é moi numeroso. Os textos e o seu coidado deseño dánlle presenza no medio da multitude de ofertas que hai nos mercados. Este compromiso dos adegueiros coa lingua galega é de agradecer, porque contribúen a internacionalizar o noso sinal de identidade máis singular. Emulan deste xeito a outras marcas de viños e licores procedentes doutros países que tamén se etiquetan en cadansúa lingua de oríxe. Repare o lector nos andeis dos supermercados e centros de distribución deste tipo de produtos e comprobará a diversidade de marcas de distintas procedencias xeográficas.

O Foro E. Peinador e a Irmandade Galega de Adegueiros e Agroalimentarios vén insistindo na oportunidade de etiquetar os nosos produtos en lingua galega, porque é a mellor maneira de ratificar a autenticidade da súa orixe. Os consumidores, que son cada vez máis esixentes nos gustos, procuran atopar neles sabores orixinais, auténticos, e a mellor maneira de garantírllelos é referencialos no idioma de procedencia.

O que é evidente desde o punto de vista da estratexia comercial, aínda non o teñen asumido algúns adegueiros e non poucas industrias de transformación galegas que consideran inconveniente o noso idioma para venderen os seus produtos alén das nosas fronteiras, sen repararen que outros, aquí, xa o están a facer desde hai moitos anos, e que tamén un champán francés de boa calidade vén etiquetado no idioma do pais veciño, ou que un whisky describe as súas características en inglés.

Malia a existencia deses receos hai que dicir que dun tempo para acó temos avanzado; son moitísimas as marcas de produtos –viños, licores ou outros produtos de alimentación- que superaron eses receos e utilizan o noso idioma nas etiquetas. Neste proceso de galeguización comercial ten xogado un papel moi importante o Foro E. Peinador e a Irmandade Galega de Agroalimentarios e Adegueiros que coas súas accións teñen feito un labor de concienciación notorio.

Neste tarefa de estimular a etiquetaxe en galego está tamén A Asociación Álvaro das Casas, integrada no colectivo Galeguizar Galicia, que celebrará o próximo sábado, día 18, no pazo dos Ulloa en Esposende, Ribadavia, o acto de entrega dos premios Bacelos de Prata a dúas marcas comerciais que son modelos de galeguización: Adega Alborexar no Ribeiro, unha nova adega formada por mozos inquedos e ilusionados que elaboran viños que transmiten o que se fai na viña para que perdure no tempo e cunha identidade propia; e, Hoxe, Sociedade Cooperativa Galega, empresa agraria rural da comarca do Deza, que transforma o leite de vaca en variadas marcas de queixo de excelente calidade que está presente nas grandes áreas de comercialización.

(Xosé González Martínez é Presidente do Foro E. Peinador).
González Martínez, Xosé
González Martínez, Xosé


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PROMOCIÓN
PUBLICACIONES
Publicaciones
Publicaciones Amencer
Revista Egap
Obradoiro de Artesania