O Ave a tempo para Galicia
Editorial - lunes, 16 de julio de 2007
O Presidente Touriño foi moi claro diante do Presidente Zapatero pedindo o Ave para Galicia, matizando que é imprescindible para nós que este especial tren chegue no 2012, e que desde agora tódolos presupostos anuais contemplen paulatinamente as dotacións correspondentes.
O Presidente Zapatero non foi nada claro na resposta senón que como político retranqueiro ó uso respostoulle que efectivamente o Ave estaría en Galicia a tempo. ¿A tempo de que?. Porque en relación con outras autonomías levaremos daquela dúas décadas de retraso.
As cousas a tempo non as tivemos case nunca. O ferrocarril agora un estorbo no medio das cidades- levou moitos anos achegalo, a Nacional VI foi a última en construirse. Entendemos as dificultades orográficas e mesmo climatolóxicas, pero tamén entendemos que a maiores dificultades maiores teñen que ser esforzos e investimentos.
O que ó Presidente Zapatero lle parece a tempo, seguro que a nós nos vai parecer tarde, e só nos queda a confianza de que o non menos Presidente Touriño se encargue de recordarlle a cotío o que é unha petición, unha necesidade e unha esixencia.
Para estar a tempo o Ave en Galicia, tiña que estar funcionando o mes que ven.

Editorial
Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los
autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora