Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Xosé Manuel, doador da palabra

jueves, 09 de noviembre de 2017
Xos Manuel, doador da palabra Hai poucos días estando fóra de Galicia chegoume a triste noticia do falecemento do bo amigo, Xosé Manuel Carballo Ferreiro. Con frecuencia mantiñamos comunicación, sempre agradable e con dose de humor. Facíalle moita graza cando lle citaba un libro xa descatalogado, moi utilizado en certos medios políticos titulado "Argumentario para jumentos".

Non recordo exactamente cando coñecín a Xosé Manuel, pero a nosa relación foi máis intensa e frecuente cando coincidimos na Comisión Sectorial número 6 para a elaborar o Plan Xeral de Normalización Lingüística. Plan que foi aprobado por unanimidade o 21 de setembro de 2004 polo Parlamento de Galicia. Daquela, o Presidente, don Manuel Fraga, afirmaba "para que a nosa fala avance e perviva, mil primaveras máis cómpre restaurar a pureza do idioma", escribía don Manuel Fraga no prólogo do Plan xeral de normalización da lingua galega.

A vida deste Plan foi moi curta, case como lle pasou a algunha Constitución "non nata", pois nas eleccións de 2009, a maioría absoluta de Núñez Feijoo esborrallou dito Plan e asumiu as liñas propostas por Galicia Bilingüe,seguindo a filosofía do citado argumentario.

Como homenaxe a Xosé Manuel Carballo reproduzo a reflexión que escribín para o libro "Cerna de carballo" no ano 2015 en homenaxe a Xosé Manuel Carballo Ferreiro, que titulaba "Xosé Manuel, doador da palabra".

“Quero que veña comigo, porque eu non sei falar”. En máis dunha ocasión persoas que confiaban en min pedíronme que os acompañase para realizar xestións, sobre todo, diante de organismos oficiais, porque pensaban que eles non sabían falar. Nunca compartín tal convencemento, aqueles amigos sabían falar e falaban con moito tino, pero quitáranlles a súa fala, o seu trazo máis humano e distintivo: a súa fala. Estaban como secuestrados, alienados, fóra de si, tiñan que se converter nuns estranxeiros na súa propia Terra. Esta é unha táctica moi eficaz para dominar e asoballar a persoas e a países, así o acredita a longa e desgraciada experiencia que padeceu a nosa Terra.

A actitude e a praxe de Xosé Manuel é e foi unha teima irrenunciable para que as mulleres e os homes de Galicia recuperasen a facultade de falar sen complexos, que é tanto como dicir que recuperasen a súa dignidade individual e colectiva, é un doador da palabra.

Falar ten unhas connotacións moi superiores a comunicar, así cando dicimos que un mozo lle fala a unha rapaza entendemos afecto, amor. Na miña terra de Baleira e na Terra Chá de Xosé Manuel, “afálase” as vacas, estimúlanse coa palabra, con expresións de cariño, xa que logo aguilloar tería resonancias de maltrato. As locucións e a fala, mesmo, definen carácter, sensibilidade e valores dun pobo. Don Xaime Isla, galego egrexio, ante a expresión castelá “pies para que os quiero” contrapoñía a equivalente galega de “chamoulles aos pés compañeiros”, a primeira reflicte utilitarismo e a segunda solidariedade. A palabra humana ten que ser inclusiva, acolledora e compañeira, algo sempre presente na vida de Xosé Manuel Carballo, homo loquens por excelencia que humaniza e espiritualiza a realidade creada.

Que é fala? Anxel Fole dixo “ Si, señor, a fala é o que se fala”, niso está dito case todo. A fala é indispensable para que o home se realice como persoa, pero a nosa fala actúa en forma de lingua concreta, en galego. Cada pobo ten a súa e cada home ten a do seu pobo que fai que sexa o que é, como dixo Pessoa “a miña Patria é a miña lingua”. Cando un pobo perde a súa lingua entra en descomposición.

O gran motor do fondo compromiso de Xosé Manuel con Galicia e coas súas xentes dimana das súas rexas e firmes conviccións cristiás, entende que se Deus o fixo galego, para ser fiel á vontade do creador ten que ser leal a Galicia,e, como é home de Palabra así o anda a facer. Parabéns e grazas.
Xosé Manuel, doador da palabra
Pin Millares, Xosé María
Pin Millares, Xosé María


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES