Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

D. Xosé Manuel Carballo Ferreiro. Alén, s.n.

miércoles, 08 de noviembre de 2017
Amigo Xosé Manuel:

Sobre todo, grazas inmensas polo enorme traballo que deixas feito en tantísimos eidos da nosa Galiza.Tanto amor, tanta fe, tanto humor.

Grazas pola esperanza que fixeches nacer en nenos e grandes. Grazas D. Xosé Manuel Carballo Ferreiro. Alén, s.n.pola sinceridade sempre envolta en tenrura e agarimos. Sempre sinceridade radical que colocaba a cada un ou unha fronte á súa propia verdade.

Cando fagas unha velada de humor fálalles de nós a toda a nosa boa xente desa nova maneira de serdes e estardes, nese xeito novo de vivirdes unha vida plena: o Alén.

Moito che temos oído falar del. Mesmo nolo tes metido polos ollos nos teus xogos, adiviñanzas e brincadeiras. E xa non che digo nada nos contos e artigos que deixaches. Dilles aos do Alén que a loita segue, pero que o mundo avanza.

Non habemos tardar moito en vérmonos. Porque nos veremos, non si? Déixate encontrar axiña e doadiño como fixeches sempre que precisamos de ti.

Na túa maneira de ser e de servir a todo aquel que te buscou sempre estivo o deixarte encontrar. De entrante,acollías co característico sorriso e unha chiscadela. Logo xa pasabas á parte máis persoal: - A ver, fala. Que me dis?

E vaia se che diciamos. E ti cargabas con todo. Unha das sobrecellas comezaba a movérseche nun pequeno tic incontrolado, froito da concentración coa que estabas atendendo e empatizando co interlocutor. Logo de “ver ben co corazón” a problemática vital do visitante, saías por “peteneras”:

“Que che parece? En todos os traballos hai uns minutos para un café e unha fumadiña. Mentres, distendíase relaxabas a situación.

E pensabas. E no teu interior estabas a darlle a todo outra pasada pola intelixencia emocional da que fuches un experto nato.

E volta á sesión de terapia e compromiso na procura da mellor solución na que te implicabas sempre con total entrega e gratuidade.

Con frecuencia caía polo medio un Noso Pai e unha Ave María ou outra oración axeitada. Porque, a home de fe, non che gañan moitos.

Moitos deses cigarros tíñalos de ter postos na nosa conta. E non falo dos físicos, senón dos que, para atendernos a nós, te foron envelenando a ti.

Non. Non vou percorrer toda a nosa vida e amizade común. Sería non acabar.

Quero situarme na longa conversa que tiven contigo no Tanatorio de Castro das Ribeiras do Lea. Vinte vestido de misa, con rostro apracíbel, sosegado e calmo, e estivemos moito tempo agradecendo a vida, a fala, o humor, a fe e tamén algunhas pequenas rillotadas que nunca fixeron dano a ninguén pero que nos teñen servido de complicidade para saírmos do paso e recuperar o sorriso.

Logo, na misa da noite, impresionoume a xente. Entre todos nós había, sen coñecérmonos, unha fraternidade moi fonda que foi creada por ti ao longo da
vida.

Estabamos esperando unha pomba milagreira e, certamente, cando nos intercambiamos a paz descubrimos a xogada que nos tiñas gardada: Que impresionante cada aperta, cada bico. Alí, con Deus no medio, cheos de Espírito Santo, experimentamos a Cristo resucitado e ti estreando o número dos aros.

Volvín para Ferrol, moi de noite, amodiño, e confésoche que varias veces tiven de secar os ollos. E tamén o corazón.

No día seguinte, día 30, estiven entre o público na misa e enterro. Vivín con fe, amor e agradecemento a despedida final tan solemne e ben preparada.

E novamente te descubrín a ti facéndonos un número impresionante. Estabamos ao aire libre, como libre é o Espírito de Deus e libre fuches ti e loitaches pola liberación máis esencial de cada ser humano e da humanidade enteira.

Coma no deserto, en camiñada, baixo tenda (carpa aberta), con sagrario incluído, (Arca da Alianza), moitísimos de pé,cun sol que pegaba aínda forte na caída da tardiña, cunha viruxe que viña do nordés e coa visión do amplo horizonte da Terra Chá,estiven cantando para dentro: Un largo caminar, por el desierto bajo el sol, no podemos avanzar sin la ayuda del Señor. Unidos al rezar, unidos en una canción viviremos nuestra fe con la ayuda del Señor. La Iglesia en marcha está, a un mundo nuevo vamos ya, donde reinará el amor, donde reinará la paz. Juntos como hermanos, miembros de la Iglesia, vamos caminando al encuentro del Señor. Recibín paz. Moita paz. E moita esperanza: E vin o valor do pequeno e dos pequenos no Reino de Deus.

Pero se che vou ser sincero, benquerido Xosé Manuel, houbo outro xogo teu que nos brindaches nese serán e non sei se todos lle pillaron o aquel.

Polo alto, onde está o templo parroquial e a camposa que nos acollía a todos,hai unha estrada. Co ofertorio xa acabado, achégase un camión do lixo. Viña bastante silandeiro. O señor arrimoulle o contedor. Cun respecto grande e case sen bruído levou todo o refugallo.

Nese camión mandei eu todas as nosas malevolencias e ruindades. Ao comezo da misa fixeramos o acto penitencial de ritual. Que moitas veces facemos de rutina.

Eu descubrín nese camión do lixo coma un sacramental do que é ir coa equipaxe limpa para o Alén de cada día e tamén o definitivo.

Ti ensináchesme a comparación metida de cheo na solemnidade do adeus. E recei o salmo 50: Oh Deus, crea en min un corazón puro e renóvame por dentro cun espírito firme. Non me deixes lonxe doteu rostro, non me quites o teu Santo Espírito. Devólveme a (á)alegría da túa salvación. Afiánzame con Espírito xeneroso. Señor, Ti abrirasme os labios e a miña boca proclamará a túa loanza. Misericordia, meu Deus, pola túa bondade. Pola túa inmensa compaixón borra a miña culpa.

Por iso mandaches o carro do lixo, pillabán!

Xa nesa beira da verdade esencial, permíteme, como fixo o Papa Francisco no seu primeiro inicio: "ora pro nobis, carissime amice".

Moitos cariños para a túa familia. Para os de aquí e para todos eses cos que agora estás.

Xa lles fixeches o xogo dos aros? Non che pillaron o truco, verdade?

Pois aquí, na noite seguinte, despois do espectáculo que lles fixeches aí, non máis chegar, deixouse oír por toda a Terra Chá: Outro! Outro! Outro, ...

Ti es un crack! E os teus Baluros aplaudiron a máis non dar.

Sempre amigos, meu amigo.
D. Xosé Manuel Carballo Ferreiro. Alén, s.n.
Campo Freire, Xaquín
Campo Freire, Xaquín


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES