Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Pingas de Orballo

miércoles, 08 de noviembre de 2017
Eran unha necesidade!

Desde que Stanley Kubrick nos amosou aquela imaxe do mono usando un óso e golpeando na película “2001, unha odisea no espazo”, a violencia do ser humano forma parte da nosa vida, porque, o mono, non é outro que o home primitivo (e o actual; hai moito mono solto). Desde que o mundo é mundo, gústanos facer mal, asañarnos co máis débil ou con quen non consegue defenderse. Os obxectos son moitas veces os que pagan as nosas ruindades. Desde que o mundo é mundo. Tamén no mes de marzo de 1898, en Baños de Molgas (en todas as partes cocen fabas), alguén destruíu dous muíños enclavados no río Arnoia. Dous muíños! Uns muíños! Que non lle fan mal a ninguén. Que estaban aí para proveito do paisano, dos veciños. Pero uns infames pensaron que a mellor forma de facer maldade era destruír precisamente o que é útil. É certo, por iso é maldade. Esta sempre se comete sobre o que máis doe. Naqueles tempos os muíños eran esenciais para a vida dos labregos. Eran unha necesidade! E ese demo que levamos dentro sae, ás veces, para facer o mal. A algúns sáelles a diario. E tamén desde que o mono soubo utilizar o óso.
Pingas de Orballo
O aradiño de pau

Cústame poñerme a escribir porque non sei se non quererá saír o demo que levo dentro. É que hai decisións que me alteran, que me superan. A xustiza española, cando quere, funciona aínda máis rápido que un lóstrego. Cando non quere, mete a cabeza no cu como as avestruces. Ó mellor tranquilízome un pouco se me poño, por exemplo, a esculpir un aradiño de pau e con el arar, despois, esas herbas ditatoriais que sempre tivo este país noso. Aradiño de pau do que tan só tiramos uns poucos e que, para máis aquel, nos poñen atrancos para que nos saian os regos torcidos. A xustiza non é igual para todos. A lei son catro palabras escritas que uns cumpren e outros non. O aradiño de pau segue arando rego tras rego nesa leira enorme na que as matogueiras se enredan, pouco a pouco, área a área, nesa masa amorfa que apanda con esas catro palabras que programaron outros catro paspáns para vivir coma Deus. A rella do aradiño de pau empeza a quebrar porque hai ditaduras que son moi duras e non hai quen as entre. A ditadura, digo, a leira é enorme e ó aradiño de pau cústalle facer un regos democráticos. Pero sigamos arando. Algún día a leira quedará arada e ben arada.

Imposible que haxa perdón

Moitas veces pregúntome se non sería mellor ler os xornais á última hora do día. Así polo menos tería cabreos curtos, porque, estes, co sono, esquécense, alívianse. A pena é que os leo á primeira hora e sempre hai algunha noticia que me pon a cara de ferreiro. O noso presidente Feijóo cre que o noso Goberno do noso Rajoy cumpriu coa nosa Galicia ó asumir as peaxes da AP-9 e frear a Cataluña. E xa está. Con iso xa está. Para que pedir algo máis, que se poden herniar. A ver se non somos tan inocentes, por Deus! Ningún Goberno cumpriu nunca con Galicia, e moito menos os gobernados polos propios galegos. Sempre nos deixaron da man de Deus, e este, como tamén fai e desfai ó seu antollo, así nos vai. Lembrade: somos o cu do mundo. Hai moitos anos que teño unha imaxe metida na cabeza: que todos os telexornais, durante todos os días, tiñan Pingas de Orballoque proxectar a primeira noticia pedíndonos perdón por todas as falcatruadas con que nos teñen recompensado. E aínda así, non habería perdón. Imposible que haxa perdón. Pero ó noso presidentiño chégalle coa AP-9. Menos mal que o noso Goberno do noso Rajoy non restaurou ningún muíño, por exemplo. Seguro que con isto xa cumpriría. Imposible que haxa perdón.

Por culpa dos móbiles

Cada vez se me pon máis imposible ler andando polas rúas ou polos parques. Por culpa dos teléfonos móbiles. Xente e máis xente falando polos móbiles; a maiores de que xa sabedes como somos falando polos teléfonos: a berros!, por se non nos oe o que está ó outro lado. Isto, claro, desconcéntrame. E hai libros que hai que ler con certa concentración, principalmente aqueles que non che gustan moito. Se che gustan xa pos os seis sentidos na lectura. Xente sacando os cans e falando polo móbil. Acompañantes ou familiares empurrando a un impedido nunha cadeira de rodas e, como non, falando polo móbil. Empurran cunha man e coa outra suxeitan o aparello. E berran, claro. Xente sentada nos bancos dos parques e, a maioría, falando polo móbil. Malditos móbiles! Circula por aí un vídeo simpático pero case, case moi real (é máis, creo que co tempo ata poido que así sexa) no que uns acompañantes guían á xente que vai guasapeando co móbil. É dicir, como lazariños. Non vaia ser que pasen semáforos en vermello ou que choquen con xente. Isto de tropezar coa xente xa é lei de vida.
Rivas Delgado, Antonio
Rivas Delgado, Antonio


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES