Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Acuarelas de Antonio Rivas Pol

lunes, 06 de noviembre de 2017
É un placer –tamén unha responsabilidade para quen non ten coñecementos técnicos de pintura, só querencia pola arte- participar na presentación desta exposición de ACUARELAS DA MIÑA PROXIMIDADE, de Antonio Rivas Pol, amigo, fervoroso activista do mundo da arte que ven á capital lucense a amosarnos esta obra que ten, como el ten, o seu berce nas terras de A Pontenova, a súa maioría de idade á beira do mar do Ferrol, e que recolle imaxes que marcan o seu periplo vital, que reflicten o que ve, o que estima, o que admira, o que quere.
Acuarelas de Antonio Rivas Pol
Antonio Rivas naceu en Xudán da Pontenova. Maio de 1948. Penso en Xudán como un val rodeado de alturas, propicio para ver e para soñar; para reflectir en tela ou papel pola variedade de formas e cores, e descubro que dous dos meus puntos de referencia infantil están ali, xa que a Xudan pertence o Pazo de Vilaxe, magnífico conxunto rural que se contempla desde a estrada inmediata, e a aldea de Pipín onde subin de pequeno coidando protagonizar fazaña parella a subir ao monte Everest.

Xudán e a Pontenova, son das cunqueirianas terras de Miranda, definidas por alguén como “val idílico”, declaradas Reserva da Biosfera para acariñar ao río Eo, que por alí discurre.

Este noso pintor estudou maxisterio en Lugo, e exerceu de mestre en Chantada, Caborana (Asturias) e desde 1979 ata a súa xubilación no Ferrol, onde é membro da prestixiosa Sociedade de artistas ferrolana, na que foi Delegado de Cultura galega, e logo Secretario Xeral.

Empezou a expoñer en 1990. Nacido no 48, parece como se as súas vivencias no mundo da pintura reflectisen unha vocación tardía, vocación que se realizase plenamente fixo falla unha espoleta que o lanzase a este novo mundo, no que leva feito, con esta, vinte exposicións individuais –delas, 4 en Lugo- e participado en arredor de ducia e media de mostras colectivas.

Foi en Asturias onde coñeceu ao acuarelista Sellaño, que lle descubriu o mundo da pintura á auga, no que entrou para quedarse, e ata hoxe. E Sellaño fala de Antonio como “home de extraordinaria calidade humana e extraordinaria afección á pintura”, e dos días inolvidables que xuntos se dedicaron a pintar, “intentando vencer a paisaxe a cor, a luz… intento do que sempre saíamos vencidos”. Conclúe que “Rodríguez Pol non se cansaba. Este era o seu mérito, pois en pintura o que se cansa non chega. Axiña me decatei de que detrás da súa afección había un pintor”.
Acuarelas de Antonio Rivas Pol
Carlos Barcón, director de Arte Galicia, destaca que Rivas Pol traballa unha acuarela reveladora de horizontes, de terras, vexetacións e mariñas. Riguroso no seu panorama, analista dos contrastes lumínicos, Pol traballa esa terra galega, o mar plácido, eses anoiteceres, as casas rurais, as barcas… respondendo todos os seus traballos a unha visión naturalista da natureza, cun bo tratamento da luz, con nitidez dos contornos das arbores, as casas, a valoración da flora galega, sempre rica en matizacións e contrastes, da que o artista é bo coñecedor”.

Cando no 94 veu exponer a Lugo, Trapero Pardo comenta del que é realista por vocación, mestre da técnica da acuarela, sendo “unha técnica eloxiable súa a de levar unha cor ata os seus límites, desde o primeiro toque á fin”, concluíndo que ten unha “depurada técnica acuarelista, pero tamén a de saber comunicar ao contemplador das súas obras esa realidade trascendida de poesía polo suave colorido que a acuarela permite e que el tan acertadamente sabe dominar”.

Nesta exposición, o mestre do xornalismo lucense Rafael Vilaseca comenta que “as súas acuarelas son o recordo do seu tránsito polas diversas localidades onde exerceu a sua función docente, daí o cariño posto na súa confección, con ánimo de mantelas como fitos e ofrecelas como testemuñas de amizade.

Outros comentaristas falan de “pulcritude”, de “estética atlantista”, e Xesús Andres López Piñeiro con motivo dunha exposición en Pontedeume afirma que “nestes cadros espidos, onde prima a natureza, o pintor aspira descaradamente ao sentimento estético; ao goce do espectador diante das formas e das cores. O artista non necesita doutros elementos. E ás formas e as cores, únese o concepto de romanticismo, que as acuarelas de Rivas Pol destilan. E ven ser un saudoso cando nos presenta os temas da paísaxe, un romántico. A obra de Rivas Pol é un gran libro que fai que disfrutemos dos seus valores estéticos, ao menos tempo que nos ensina a amar a terra. O noso artista está a interpretar a realidade, a crear algo novo. Con iso reforza o seu lado romántico, tratando de poñer diante dos nosos ollos a paisaxe que amamos, Galicia”.

Fixémonos, agora nesta exposición “de proximidade”, onde atopamos obras que conforman un caleidodoscopio de paisaxes que veñen confluir tamén co seu percorrido vital.

A súa partida, o comezo, a letra Alfa, está nas terras de Pontenova, onde o Eo se foi abrindo camiño no decurso de milenios, onde primeiro aparece Xudán, e logo a capitalidade do concello, representada pola ponte que lle da o nome, ou polos fornos que durante moitos anos lle deron vida.

E como prolongación da primeira etapa da súa vida, no interior galego, aparecen imaxes de Chantada ou Meira, Rábade ou Lugo, a torre de Alfoz do Castro de Ouro ou as esceas rurais de interior, pero os horreos son do tipo dos da costa lucense ou de xeito asturiano… En boa parte da súa obra, o mar señorea as imaxes, porque aínda que hai imaxes rurais ou urbanas de Ribadeo, da Coruña, de Betanzos ou Pontedeume, de seguida aparece (Aquí, a letra Omega) o mar de Ferrol, a súa terra de acollida, o seu mar de acollida… o mar apacible, tranquilo, ou o mar bravo de tormenta, reflectido de xeito impresionante.

Mar lucense ou coruñés, de San Cosme ou Covas, de Seselle, Ares, Redes, ou xa en Caranza… o mar en contacto máis que en loita, en abrazo coa terra… cunha sensación de tranquilidade, de lentura, nesas barcas adurmiñadas na beira, agardando pola marea e polo seu dono, que veña rescatalas e volvelas á vida, adurmiñadas nunha desas calmas lentas nas que un está agardando por un lóstrego que provoque unha situación de loita, confrontación, entre o mar e a terra, que parece moito máis natural que a tranquilidade morriñenta.

Pero esta é unha primeira visión, lixeira, da aparente tranquilidade que reina na obra de proximidade de Antonio Rivas Pol. Agora queda a vosa, a de cada un, a interpretación persoal que lle dea vida a cada unha desas acuarelas, galegas por natureza, por ambiente, por esencia, que agora se abren diante de vos para facerse vivas, mais vivas, nos vosos ollos.

Benvidos á exposición ACUARELAS DA MIÑA PROXIMIDADE – tamén da nosa proximidade, sempre- de Antonio Rivas Pol.

(Presentación efectuada por Xulio Xiz da exposición de Acuerelas de Antonio Rivas Pol na sala da Deputación Provincial de Lugo, o 31-10-2017).
Xiz, Xulio
Xiz, Xulio


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES