Fúcheste resistindo e deixaches un ronsel cheo de camiños para recorrer. Para que Galicia perdurara, para que a Cha se anegue permanentemente de verbas.
As verbas túas das que hoxe somos orfos, esas que contiñan o teu xeito peculiar de ver a vida, de reivindicar unha sociedade mellor, máis xusta e de estar sempre onde a palabra é precisa para alentar a tristura.
O xeito que tiveches de vivir danos idea de onde podes estar agora, seguro que facendo algunha trasnada tecida a medias co Bernardo ou con tantos amigos que formaban os recordos das lealdades sempre mantidas. Imaxínome que levarías escondida nun peto unha baralla para sorprender o teu primeiro anfitrión no paraíso. Daquela, antes de abrirche a porta xa estaría chorando coa risa porque ti fixéraslle un truco daqueles requintados que nunca remataban e cando contábamos gañarche volvías gañar ti.

O tema é que hoxe sentimos a túa ausencia porque non temos gargalladas, viñan todas do teu maxín infindo en ocorrencias. O que si temos é a certeza de gardar en nós a túa fraternidade, sentíndote como un imprescindible modelo a seguir.
Falar de Carballo e non sorrir sempre foi matematicamente imposible e abofé que o seguirá sendo. Se rimos xuntos na túa adversidade sorriremos xuntos no teu recordo; entón, aquí tes o máis bonito que nos deixas, quizais a esencia de ti mesmo que sen dúbida algunha nos obriga a ser mellores.
Como es ti un ten a sensación de que vas a aparecer nun chiscar de dedos para facernos algunha trasnada. É unha sensación bonita e confortante, outro agasallo máis da túa xenerosidade na que ti ficas para sempre.
Grazas por todo o que nos deches e agora desfruta coa tribu que xa forma parte da Galicia eterna. Iso si, tede tino coas trasnadas...